O autobús transfóbico de Hazte Oír chega a Compostela

Convócase para esta quinta feira, 4 de maio, unha concentración de rexeitamento na Praza 8 de Marzo

O autobús transfóbico de Hazte Oír está en Santiago de Compostela, a onde chegou esta cuarta feira. O portavoz de HazteOir.org, Pablo Santana, declarou que as crianzas son “adoutrinadas” nas aulas galegas. “Galiza probou en 2014 a Lei pola Igualdade de Trato e non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e inte4rsexuais que inclúe un capítulo obrigatorio”, lamentou Santana. O portavoz sinalou a intención de reunirse con representantes do Parlamento de Galiza para denunciar o que consideran que é un adoutrinamento de escolares. 

Desde diversos colectivos convocaron unha concentración para esta quinta feira, ás 20:00 horas, na Praza 8 de Marzo da capital de Galiza para rexeitar esta ‘visita’ baixo a palabra de orde ‘Fóra a LGTBfobia da Galiza’. Xa durante a mañá, e en réxime de autoconvcocatoria a través das redes sociais, ducias de persoas se concentraron contra a presenza do bus de Hazte Oír.

Tamén hai unha concentración convocada co mesmo obxectivo esta sexta feira, ás 12:00 horas, na Praza do Obradoiro.