Farmacéuticos advirten que moit@s doentes deixan de mercar medicamentos por culpa do re-pagamento

@s doentes, nomeadamente os crónicos, vense obrigados a "administrar" a súa medicación.

 

A queda do poder adquisitivo a consecuencia das políticas de axustes promovidas desde os Gobernos do Partido Popular, sumado á introdución do re-pagamento sanitario que obriga @s doentes a cofinanciar os medicamentos, está a deixar as súas primeiras secuelas. Neste senso, farmacéutic@s de toda Galiza advirten da "selección" de medicación que se está a producir após a aprobación do re-pago.

"Si que se dá e cada vez máis", asegura Dolores, farmacéutica na cidade de Compostela. Na súa farmacia, localizada no casco vello da capital galega xa son numerosos os casos detectados nos que @s doentes --nomeadamente pensionistas-- "administran a súa medicación" para a axustaren aos seus ingresos. Após a suba aplicada a pasada semana --pola cal @s xubilad@s pasan a pagar doce céntimos máis entre os 8€ e 18€ que xa viñan pagando-- moitas persoas vense con dificultade para financiaren os tratamentos das súas doenzas. "Sobre todo os doentes polipatolóxicos e crónicos", subliña outro farmaceutico compostelán.

Farmacéutic@s aseguran que @s doentes "administran a súa medicación" para a axustaren aos seus ingresos

A retirada dunha longa listaxe de produtos que deixan de ser finaciados polo SERGAS está a deixar fóra da seguridade social "tratamentos mucolíticos", asegura Ramón, "moi importantes para persoas que padecen EPOC, por exemplo". A enfermidade á que se refire este farmacéutico --Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica-- exixe dun tratamento continuado con inhaladores e tratamentos bronquiais, que xa non son financiados polo seguro. "Van ser máis baratos en urxencias?", ironiza Ramón apelando aos casos que poden verse agravados após unha redución ou parálise no tratamento.

Porén, son numerosas as enfermidades que se están a ver afectadas polo re-pagamento sanitario. Neste senso, Dolores sinala que as "tiras de insulina para persoas diabéticas non medicadas con insulina xa non son financiadas". Estas persoas "deben controlar os niveis de azucre de maneira continuada e agora", despois de deixar de ser financiadas as denominadas "tiras do azucre", sinala", "moitos xa non o fan de forma regular", ao que engade "aqueles que seguen tratamento con insulina están moito máis controlados".

As pensións máis baixas, sobre todo no rural, eses "catro cafés ao mes"

Galiza volveuse situar --máis unha vez-- entre as pensións de xubilación máis baixas do Estado. Concretamente 170 euros por debaixo da media estatal. María Fernández, auxiliar de farmacia no rural de Lugo asegura que son principalmente @s pensionistas coas pensións máis reducidas, as "non contributivas e a antiga agraria", @s que máis sofren o co-pagamento sanitario. "Hai medicación que non deixan de mercar" e apunta cara "aos tratamentos do colesterol, por exemplo", mais si que o fan con outros, advirte. "Unha das nosas veciñas botou máis dun mes sen levar o tratamento para a circulación. Cando volveu foi porque xa non podía pasar máis tempo sen el".

"A conselleira di que non coñecen ningún caso", asevera María facendo referencia ás declaracións que Rocío Mosquera facía a un medio de comunicación esta fin de semana. "Podo darllos eu", sentenza.

O Partido Popular defendeu desde o comezo o re-pagamento, mesmo asegurando que os oito euros que terían que pagar --inicialmente-- "son catro cafés, un café á semana", dicía o popular José Ignacio Echániz, secretario de Sanidade e Asuntos sociais a nivel estatal.

Porén, o certo é que o Instituto Galego de Estatística (IGE) sitúa nun 40% o número de fogares da Galiza en que a principal vía de ingresos son as prestacións, nomeadamente as pensións.