UNHA ESCOLMA DO PAPEL

"Aurelia queda, Aurelia non se vai"

Activistas e manifestantes a impediren o despexo de Aurelia Rey

A voracidade inmobiliaria agóchase detrás do caso desta muller de 85 anos, que paga un aluguer de renda antiga, de 126€, nunha das rúas máis cotizadas da Coruña

Á altura do número 9 da rúa Padre Feijóo, na Coruña, xusto ao carón dun novo comercio de Inditex cuxo trinque reproduce un fogar “idílico”, propio de revistas de decoración, atópase o andar en que mora Aurelia Rey. O portal non pasa desapercibido, nin polos cartaces que exixen a fin do drama dos desafiuzamentos nin pola cantidade de persoas que fan garda na beirarrúa.

Desde a segunda feira, día que decidiu gardar os marcos das fotos para o inminente desaloxo, Aurelia non dorme soa. Remata a xornada acompañada da ducia de persoas que loitan, coa dignidade como arma, por impediren a inxustiza do despexo. Ás 6 da mañá as pálpebras pésanlles demasiado ás persoas que lles tocou facer a quenda de noite. Antes da alborada, cando, máis que palabras, sae bafo entre os beizos, chegan as persoas máis madrugadoras para relevar as que durmiron cun ollo aberto. Non tardan en correr as horas porque o paso frecuente de patrullas da policía mantén en tensión @s activistas.

O tempo pasa entre lecturas de comunicados que advirten de que a concentración non se desconvocará entrementres non se levante a orde xudicial de despexo e entre reivindicacións coreadas a través dos megáfonos. Camiñes por onde camiñes, a loita cidadá en defensa de Aurelia esperta admiración. Tod@s ven inxusta a orde de desafiuzamento polo atraso no pagamento do alugueiro de abril de 2011, unha mensualidade que a anciá deseguida puxo ao día. Moi poucas voces, que saen de señoras altivas embutidas nun visón, apelan, sempre entre dentes, á coñecida familia propietaria do andar, que é tamén dona de máis pisos do edificio. Non hai que esquecer que nos atopamos no distrito do “coruñesismo” por excelencia.

 

 

 

 

 

 

 

No distrito 15004 non se escoitan os tan populares “neno” e “meu” dos barrios de Monte Alto, Labañou ou Pedralonga. No 15004 abundan os carros de luxo e as tendas de firma ateigadas de bolsos cuxo prezo supera o aluguer anual que paga Aurelia polo noveno andar. Con estas claves a ninguén se lle escapa que a principal causa do despexo desta costureira xubilada é a voracidade inmobiliaria. Aurelia, cuxa familia máis próxima está na Arxentina, cobra unha pensión non contributiva de 375 euros e paga polo aluguer de renda antiga, 126 euros mensuais.

Hoxe en día, o alugueiro deste andar ascendería aos 600. A lei, inxusta, moi inxusta, ampara a propietaria. Casos semellantes ao de Aurelia agravaranse unha vez entre en vigor a Lei de Medidas de flexibilización do mercado de alugueiro de vivendas que tramita o goberno do PP. Do desafiuzamento exprés impulsado polo PSOE axiña pasaremos ao desafiuzamento fulminante do PP. Con todo, non o van ter doado. E é que “non temos medo, temos fame”, como gostan berrar @s que acoden ao chamamento dos movementos sociais.

Do desafiuzamento exprés impulsado polo PSOE axiña pasaremos ao desafiuzamento fulminante patrocinado polo PP

Cada vez máis persoas, de todas as idades e condicións, fan parte da maré de dignidade que se rebela contra os dramas sociais. Cada vez hai menos cómplices das inxustizas e hai máis conciencia social, como demostran as mulleres e homes que defenden no portal número 9 de Padre Feijóo o dereito básico das persoas a contaren unha vivenda digna. A cidadanía, se quixer, pode frear o desaloxo dunha anciá, como aconteceu até en dúas ocasións no caso de Aurelia. E iso malia os golpes por parte da policía, como os recibidos polo portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, polo portavoz do BNG no concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, ou polo concelleiro de EU-Os Verdes, César Santiso. Houbo paus da policía, mais tamén houbo e hai decencia e nobreza por parte dos centos de persoas que participaron nas concentracións e dos bombeiros que se negaron a colaborar no desaloxo da anciá.

“Aurelia queda, Aurelia non se vai”, repítese con máis intensidade desde que o goberno municipal, do Partido Popular, teimase en meter a muller nunha residencia da terceira idade xestionada por unha organización católica. Aurelia, que se vale por si propia, quere seguir vivindo na que foi a súa casa desde 1979. De aí que non vexa con bos ollos nin a praza neste centro de maiores que lle ofreceron desde servizos sociais nin as dúas vivendas de aluguer social nos arrabaldes da cidade ofertadas polo Instituto de Vivenda e Solo. Como @s activistas, tamén ela entende que non pode quedar desarraigada da súa contorna.

O tempo pasa entre lecturas de comunicados que advirten de que a concentración non se desconvocará entrementres non se levante a orde xudicial de despexo

 

Con 85 anos, desarraigala da que é a súa casa é condenala, advirten. Ela, como tod@s, é consciente de que en calquera momento a poden botar. Porén tamén é consciente de que cada día que pasa é unha batalla gañada e de que a inmensa maioría apoia a súa causa xusta. Por iso, sen medo, volveu colocar os marcos das fotos no seu sitio.

 

A pensión de Aurelia, por debaixo da raia da pobreza

 

Após toda unha vida coséndolle a roupa á mesma familia que agora a quere botar da casa, Aurelia Rey sobrevive cunha pensión non contributiva de 375 euros mensuais, dos cales destina 126 euros a pagar o aluguer dun noveno andar situado no número 9 da rúa Padre Feijóo da Coruña. A humildade con que Aurelia ten a casa decorada, onde até os marcos son dun talle maior que as fotos en branco e negro que os locen, racha coas señoriais fachadas do veciñanza. Mais a casiña da octoxenaria non sempre foi tan acolledora. "Cando entrei isto era practicamente inhabitábel", subliña. En 1979, Aurelia foi vivir para este piso canda unha tía súa a quen coidou até a morte. As paredes non tiñan nin unha man de pintura. "Pagaba 15.000 pesetas, que eran moitos cartos daquela" e non lle fixeron ningún contrato "para non pagar a Facenda". Após 34 anos facendo un fogar do que era un faiado e tecendo redes no barrio, non quere marchar.

 

A familia Pereira, propietaria de locais e pisos na Coruña

O inmóbel en que vive Aurelia Rey está a nome de María Pereira. "É dela, mais quen xestionaba os cartos era el", conta a anciá. E el era Manuel González, xa falecido e ex-presidente do Deportivo. Da mesma familia fai parte o coñecido empresario e produtor musical Nonito Pereira.

Desde os seus inicios en 1964 como pinchadiscos na cara discoteca Playa Club, na década dos '80 abriu en Compostela a discoteca Clangor, que rexentou canda outro irmán, Fernando Pereira. Para alén dos locais comerciais, a familia Pereira é tamén propietaria de varios pisos, uns cantos no mesmo edificio en que mora Aurelia. Inquilina e dona do inmoble son veciñas, mais María Pereira posúe tamén outras vivendas, entre elas o oitavo esquerda, inmediatamente debaixo da casa da muller que denuncia que desde 1999, cando morreu súa tía, sufriu reiteradas "tropelías" para botala ora para cobrar moito máis caro o aluguer ora para acometer obras e facer un duplex.

 

O obxectivo: que se paralice o despexo

 

"Namentres non se paralice de maneira definitiva a orde de despexo, non haberá negociación de ningún tipo". Así de taxativ@s se mostran @s integrantes da plataforma cidadá Stop-desafiuzamentos A Coruña nun comunicado remitido á imprensa en que, aínda que recoñecen que houbo propostas por parte do concello -unha residencia- e do Instituto de Vivenda e Solo -dúas vivendas sociais- "consideramos que para que se poida dar unha negociación esta ten que ser digna e en igualdade de condicións". Rexeitan, por tanto, a "intoxicación mediática" e a "estigmatización" que pretende "criminalizar" Aurelia sinalando que "só se move por cartos" ou que "quere un piso no centro" -información da Radio Galega. As dúas vivendas propostas pola Xunta sitúanse en Novo Mesoiro -a unha hora do centro en transporte público- e Eirís -a uns 40 minutos- polo cal, malia que ningunha opción foi "nin aceptada nin rexeitada" polo de agora, alertan da situación de "desarraigamento" que se produciría ao arredar da súa contorna unha muller de 85 anos que leva 34 vivindo nese barrio.

 

"U-lo Negreira? Co gabinete, con Pereira"

 

O desleixo do concello da Coruña, gobernado en maioría absoluta por Carlos Negreira (PP), fica patente nas consignas d@s activistas que desde a segunda feira, día 18, protexen o portal de Aurelia das gadoupas desa orde de despexo ditada na súa contra. A conivencia entre o alcalde e a familia propietaria do inmóbel é clara para @s manifestantes. Rexeitan a actitude do concelleiro de Servizos sociais, Miguel Lorenzo -avogado de profesión e compañeiro de aulas de Feijóo e Negreira na facultade de Dereito, que lle podería ter prestado asesoramento legal a Bankia-, quen non apareceu en ningún momento polo portal de Aurelia nin se sentou para negociar. A única oferta que o concello colocou riba da mesa foi ingresar a anciá na residencia Padre Rubinos, obviando que se vale por si propia e, o máis importante, que ela non quere ir a un centro de persoas idosas. Con todo, Negreira non podería estar "no despacho con Pereira" nin querendo. E é que Ignacio González Pereira, avogado da súa propia nai, leva fóra da cidade desde a pasada fin de semana. Viaxou a Roma, para asistir á despedida do papa Bieito XVI.

 

Esta reportaxe a dupla páxina viu a luz no Sermos36, publicado a 22 de febreiro de 2013. As fotografías son de Óscar París e Montoto.