Aumento dos pacientes Covid hospitalizados e os casos activos soben a 2.316

(Foto: Europa Press)

Fin de semana sen que se notificasen falecementos. Os novos contaxios descenden a 126 e a taxa de positividade cae por baixo do 2%.

 

Galiza inicia esta semana cunha repunta da presión hospitalaria, ao aumentar a 185 os pacientes Covid ingresados, o que supón 13 máis que a xornada anterior, e os casos activos seguen en aumento e sitúanse en 2.316, mentres que os novos contaxios descenden a 126.

Segundo os datos actualizados na mañá desta segunda feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas deste domingo, soben a 30 os pacientes Covid na UCI de Galiza, tres máis, e ascenden a 155 os que permanecen noutras unidades, dez máis.

En concreto, os pacientes con coronavirus hospitalizados aumentan en seis das sete áreas sanitarias galegas, mentres que na de Ferrol seguen sen cambios, con ningún en UCI e cinco noutras unidades.

Por cuarta xornada consecutiva os casos activos de Covid-19 aumentan, aínda que esta vez lixeiramente, até os 2.316, o que supón 11 máis, ao haber máis contaxios (126) que altas (115).

Por áreas sanitarias, os casos activos soben nas de Pontevedra e O Salnés (+12), Ourense (+10) e na de Ferrol (+7), mentres que se manteñen sen cambios na da Coruña e Cee; e baixan nas de Vigo (-15); Santiago e Barbanza (-2) e Lugo (-1).

Após superar a barreira dos 200 novos contaxios este pasado sábado e descender a 174 este domingo, Galiza principia esta semana con 126 detectados por calquera tipo de proba.

Deles, 113 son positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas --fronte aos 157 da xornada anterior--, dos que 32 corresponden á área da Coruña e Cee; 22, á de Pontevedra e O Salnés; 18, á de Santiago e Barbanza; 12, á de Vigo; 12, á de Ourense; 11, á de Ferrol; e seis, á de Lugo.

En canto á taxa de positividade, descendeu a un 1,8%, tras ascender ao 3% a xornada anterior, polo que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Desde o inicio da pandemia faleceron en Galiza 2.368 persoas diagnosticadas de Covid-19, despois de que durante toda a fin de semana Sanidade non notificase ningunha nova vítima.