Psicólogas piden un debate aberto ante o aumento de denuncias por violencia sexual

A comunidade experta defende a presenza da educación sexual nas aulas. (Foto: Nós Diario)
Ourense e Nigrán acollen a IV Semana da Diversidade Sexual.

"Estase a dar un aumento de denuncias por violencia sexual. Non sabemos se esa suba responde a un aumento real deste tipo de violencia ou se pode ter unha lectura máis positiva, no sentido de que hai unha maior concienciación e unha menor normalización das violencias sexuais, pero son o suficientemente graves como para facer unha abordaxe ampla, sen simplismos, das causas que poden estar influíndo neste incremento".

Vanessa Rodríguez Pousada é psicóloga e vicepresidenta da Sociedade Galega de Sexoloxía (Sogasex), organizadora da IV Semana da Diversidade Sexual que terá lugar mañá en Ourense e a vindeira sexta feira, 9 de xuño, en Nigrán. A primeira xornada desenvolverase no Centro Cultural Marcos Valcárcel baixo o título 'Perspectivas contemporáneas da violencia sexual', que convida a unha análise ampla desde distintos ámbitos de estudo: xurídico, filosófico, educativo, cultural, psicolóxico, social.

Novos roles de xénero

"Vivimos nunha sociedade machista", reflexiona Rodríguez Pousada en conversa con Nós Diario. Ademais, di, "existe unha cultura da violación que se lle achaca ao porno pero que se pode observar noutras esferas da vida e ámbitos culturais", de forma recorrente e "como se dun elemento estilístico se tratase".

Desde a súa experiencia trata de explicar as manifestacións de violencia sexual que se están a dar, sobre todo, entre a poboación máis nova; nunha etapa vital na que comeza a constituír a súa identidade, na que observa unha apertura maior cara a diversidade e o feminismo. Porén, neste avance recoñece unha discordancia, na medida en que o desmonte dos roles tradicionais de xénero non se acompaña de novos referentes, sobre todo, de masculinidade.

"Cando só expoñemos o que non pode ser e non damos un modelos alternativo, cando destruímos sen construír algo ao que aferrarse, o que pode suceder é un comportamento reactivo que leva a moitos adolescentes a agarrarse a vellos modelos como forma de ter seguridade".

A construción deses novos roles de xénero "correspóndelle á poboación moza acompañados de persoas adultas", que desde a "autocrítica" deben achegarse máis á súa realidade, coñecer mellor as súas opinións, os seus modos de relación e de expresión.

Igualdade no ensino

Unha oportunidade está nas aulas, onde a educación afectivo-sexual aínda fica fóra do currículo. "A educación é un piar importantísimo para enfrontarmos as violencias sexuais. E non unha educación calquera, unha educación en igualdade de homes e mulleres con perspectiva de xénero", defende Lola Varela, docente e experta en coeducación

A violencia é desigualdade, asegura, por iso está convencida de que unha educación en igualdade é chave para diminuír todas as expresións de violencia, sobre todo entre crianzas e adolescente.

A poboación moza centra a IV Semana da Diversidade Sexual de Sogasex. Nunha semana, en Nigrán, despedirase cunha xornada sobre 'Abuso sexual  na infancia e na adolescencia'. "Era unha demanda ante o tabú que aínda se advirte. A estatística di que a maioría dos abusos en menores se dan no ámbito da familia ou de persoas moi achegadas, algo sobre o que aínda hai resistencia a falar e facer visíbel", afirma Vanessa Rodríguez Pousada.


A educación sexual, máis que prevención

A ausencia de educación efectivo sexual no ensino, onde a iniciativa de certa parte do profesorado non abonda para suplir a ausencia das familias e do sistema educativo neste eido conduce a maioría da rapazada a resolver as súas dúbidas sobre sexualidade a golpe de clic. Nas pantallas, asegura Lola Varela, "información hai moita pero non garante unha formación crítica, para saber moverse, elixir, discernir".

Fronte ao exemplo erótico e "as actitudes machistas, violentas e humillantes" que achega o porno como primeira referencia, Varela defende a implantación dunha educación sexual "de calidade, científica e non moralista" que acompañe a mocidade, o profesorado e as familias. "Unha educación que vai máis aló das relacións sexuais, que atende as emocións, o autocoñecemento, o pracer, a autoestima, a diversidade sexual e de xénero".