O aumento de casos en Marín duplica a media galega

Responsábeis da Consellaría de Sanidade nunha reunión. (Foto: Europa Press)
A Consellaría de Sanidade centra os seus esforzos, a través das restricións novas publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG), nas comarcas de Pontevedra e O Morrazo, pois apuntan a que o surto “non está baixo control”.

As ordes de medidas preventivas para evitar a extensión da Covid-19 publicadas pola Xunta da Galiza poñen o foco na comarca de Pontevedra e na do Morrazo, pois apuntan a unha transmisión que “pode ser importante” e á existencia dun surto que “non está baixo control”.

Segundo este documento, a taxa de incremento de casos en Marín nos últimos días duplica a do conxunto do Morrazo e a de toda Galiza e o brote afecta persoas “de idade moi nova”. O índice reprodutivo do concello revela que “a transmisión está activa” e “poden seguir a xerarse novos casos”.

No caso de Silleda, que tamén se incorporou desde onte ás medidas restritivas, o gromo “non está controlado” e cada persoa positiva “pode estar a contaxiar outras dúas” de media. A respecto de Compostela, que continúa coas limitacións, a incidencia “voltou a aumentar” e o concello “presenta un núme-ro de casos diario elevado”.

A transmisión está a incrementarse, o surto “segue evolucionando e non está controlado”, polo que ten características de “alto-medio risco”. As idades máis afectadas abranguen dos 15 aos 39, cun “número importante de asintomáticos” ou con poucos síntomas que “facilitarían a transmisión” a través do contacto social.

A taxa acumulada en Ourense segue a ser “alta” e en Lugo as cifras “mantéñense elevadas”, cunha situación de risco “alto”. En canto ao Baixo Miño, onde as restricións afectan A Guarda e O Rosal, aumenta a transmisión e o grupo máis frecuente de idade é de 10 a 24 anos.

Na Coruña, malia manterse as restricións nalgúns barrios, e en Arteixo, coas limitacións aínda activas, detectouse unha “mellora epidemiolóxica” e unha tendencia á baixa. As ordes advirten dunha “clara tendencia descendente” en Carballo, A Laracha, Laxe e Ponteceso.

En Carballo, aínda que seguen a detectarse “casos illados”, as taxas son reducidas e o brote pode con-siderarse “controlado”.

224 novos casos

Os casos activos de coronavirus sitúanse en 4.306 e detectáronse 224 novos positivos nas úl-timas 24 horas. Ademais, o número de persoas falecidas desde o inicio da pandemia xa pasa das 700 após as últimas mortes rexistradas.