Aumentan os positivos diarios na Galiza até os 350 con Vigo como principal foco

Un traballador sanitario dunha ambulancia protexido contra a Covid-19. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A área de Ourense dobra os casos detectados en 24 horas cunha taxa de positividade do 19,2%

Os positivos diarios por coronavirus volven experimentar unha suba en Galiza ao detectarse nas últimas horas 350 novos casos, 22 máis que no anterior balance. A área de Vigo segue sendo a principal responsábel do goteo de novos positivos, aínda que o distrito ourensán notifica un destacado incremento na detección de casos con máis do dobre dos que rexistrara 24 horas atrás e unha positividade nas probas PCR realizadas de case 20%.

Así figura no balance diario que publica na mañá desta quinta feira a Consellería de Sanidade na súa páxina web con datos solicitados até as 18:00 horas de onte. Deste modo, Galiza diagnosticou por proba PCR en 24 horas un total de 350 casos de Covid-19, 100 deles na área de Vigo, que continúa como a máis afectada pola pandemia nestes momentos.

Con todo, baixan os casos detectados na área viguesa, pois son 15 menos que os que foron diagnosticados 24 horas atrás. Tamén descenden en Ferrol e Lugo, mentres soben levemente na Coruña e Pontevedra e de forma máis pronunciada en Santiago e Ourense.

A web de Sanidade tamén reflicte que nas últimas 24 horas horas leváronse a cabo 6.245 probas, 290 menos que na xornada anterior.

Así mesmo, a taxa de positividade experimenta unha nova suba até situarse no 6,5% das probas realizadas, co que Galiza mantense por riba do limiar do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

E é que, segundo figura na actualización da evolución epidemiolóxica desta quinta feira, só unha das sete áreas sanitarias da Galiza está por baixo dese límite: Ferrol co 2,2%.

En canto aos casos activos -persoas que aínda están diagnosticadas da enfermidade-, mantén a súa tendencia á baixa, pois no último balance contabilízanse a 7.419, 118 menos que o martes.

Unha tendencia á baixa que se mantén en todas as áreas sanitarias salvo en Ourense, que racha a súa evolución cun aumento dos casos activos até os 450, 14 máis.

No entanto, a cifra de mortos que deixa a crise sanitaria na Comunidade galega continúa en aumento e ascende xa a 1.228 após o falecemento de sete persoas nas últimas horas, dúas delas procedentes de residencias de anciáns.