Aumentan de novo os contaxios rexistrados de Covid

Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

Baixan a 31 os ingresados.

Galiza experimenta un novo incremento de contaxios de Covid-19 até os 33 -dez máis- e de casos activos, que se sitúan en 438 -seis máis-; mentres que os pacientes hospitalizados descenden a 31 -tres menos-.

Segundo os datos actualizados esta cuarta feira pola Consellaría de  Sanidade con rexistros até as 18 horas desta terza feira, as persoas hospitalizadas pola Covid en UCI baixan a oito -unha menos- e descenden a 23 as ingresadas noutras unidades -dúas menos-, mentres que 407 atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta soamente na de Pontevedra e O Salnés, onde segue un paciente Covid en UCI e hai outro en planta -a xornada pasada non quedaba ningún-; mentres que se alivia na da Coruña e Cee, na que quedan tres en críticos -un menos- e nove noutras unidades -un menos-.

Por segunda xornada consecutiva esta semana os casos activos soben lixeiramente, até os 438 no conxunto de Galiza, seis máis, ao haber de novo máis contaxios (33) que altas (27).

As infeccións activas unicamente descenden en dúas das sete áreas sanitarias: Ourense (-5) e Lugo (-5); mentres que aumentan nas de Pontevedra e O Salnés (+6), A Coruña e Cee (+5), Vigo (+2), Santiago e Barbanza (+2) e Ferrol (+1).

En canto aos novos contaxios, soben de novo e superan a trintena para se situar nos 33, que supoñen 10 máis que os 23 desta terza feira, tras comezar a semana con 21. O 11 de outubro rexistráronse 14, a cifra máis baixa desde que Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade'.

Pola súa banda, a taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- descende ao 0,48%, tras aumentar a terza feira ao 0,84% despois de comezar esta semana cun 0,51%. Deste modo, mantense por baixo do 5% que a OMS fixa como limiar para considerar controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia mantense en 2.648, ao non esta terza feira a Consellaría de Sanidade ningún falecemento.