Aumentan os ingresados en hospitais e UCI por Covid mentres baixan casos activos e contaxios

Test na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Por primeira vez en dúas semanas os casos activos fican por baixo dos 20.000. A presión hospitalaria aumenta, con 43 novos ingresos nunha xornada.

Os datos de casos activos e de novos contaxios rexistrados por coronavirus na Galiza apuntan a unha ralentización do avance da pandemia; mais a presión hospitalaria continúa sen dar marxe para boas novas. Un escenario, o de baixada de casos e aumento de ingresados no hospital, que xa advertiron epidemiólogos e sanitarios.

Por primeira vez en dúas semanas Galiza baixa dos 20.000 casos activos: en 19.246 após descender en 720 na última xornada. Ademais, os novos contaxios rexistrados nas últimas 24 horas foron 526 (490 por PCR).

Porén, o máis preocupante está na presión hospitalaria: 43 pacientes máis en 24 horas. Aumentan os ingresados por coronavirus nas UCi, que son agora 254 mentres na xornada anterior eran 248; e tamén aumentan en planta: 1.063 agora e 1.026 o día anterior.

Por áreas sanitarias, a de Ourense rexistra un maior incremento, con dous pacientes máis en UCI (20) e 161 noutras unidades -oito máis-; seguida da de Vigo, na que aínda que hai un menos en críticos (29), aumentan a 145 os doutras unidades -nove máis-.

Mentres, na de Ferrol, descenden nun os pacientes en UCI (23), pero soben en oito os que permanecen noutras unidades e sitúanse en 158; mentres que na de Santiago e Barbanza hai tres máis en críticos (47) e catro máis noutras unidades (133); na de Pontevedra e O Salnés baixan en dúas os críticos (21) e aumentan en seis os doutras unidades con coronavirus (111).

Na área da Coruña e Cee os pacientes en UCI increméntanse en catro até os 85 e nun os que se atopa noutras unidades (287), mentres que na de Lugo soben a 29 o críticos -un máis- e a 68 os doutras unidades -un máis-.

Os falecementos son xa 1.967, camiños dis 2.000, nos últimos sete días morreron por coronavirus na Galiza foron 192. A taxa de positividade está en 4,4% e o índice de incidencia sitúase en 612.