Problemas co subministro eléctrico

Aumentan as incidencias relacionadas co temporal

[Imaxe: BombeirosCoruna] Árbore caída nas proximidades do CEIP María Pita, na Coruña

O último balanzo do 112 recolle máis de 800 novos incidentes até as 7h do sábado. A Estrada, Vigo e Pontevedra foron os concellos máis afectados e máis de 65.000 galegas e galegos sofren problemas no subministro eléctrico.

Caídas de árbores, danos nas infraestruturas e accidentes nas estradas están a ser as principais consecuencias do temporal que afecta o país. O 112 reportou até as 7h deste sábado 827 novas incidencias que se suman ás de onte.

O servizo de emerxencias rexistrou o maior número de alertas nos concellos da Estrada (98), Vigo (43) e Pontevedra (31), na súa meirande parte por desprendementos, caídas de tellas, inundacións, danos en inmobles e obstáculos nas calzadas.

Entre as incidencias salientadas polo 112 atópase a caída de parte do tellado do IES Antón Roza Couto e mais do pavillón deportivo en Boqueixón, así como de parte do teito do pavillón do Colexio Inmaculada de Ponteareas. Aliás, en Noia rompeuse un espigón flotante.

Problemas co subministro eléctrico

Por outra banda, as compañías eléctricas calculan que son máis de 65.000 as persoas con problemas de subministro enerxético. Á falta de electricidade, súmanse as carencias no servizo de auga motivadas, precisamente, polos problemas co servizo eléctrico.

Aliás, arredor dunha decena de persoas resultaron feridas leves en accidentes que teñen a ver co temporal.

Previsións

Segundo Meteogalicia, os ventos seguirán a soprar fortes na xornada do sábado. Serán de intensidade moi forte pola noite no litoral e moderados no interior, con refachos que superiores aos 80 quilómetros por hora.

Os chuvascos, localmente tormentosos, están a ser xeneralizados en todo o país. As precipitación serán máis intensas no litoral atlántico e nas comarcas do suroeste e oeste, onde se esperan acumulacións de máis de 40 litros por metro cadrado en 12 horas.

En canto ao mar, as ondas poderían acadar os oito metros. De momento, rexistráronse ondas de entre cinco e sete metros na costa atlántica e de entre catro e cinco na Mariña.

As temperaturas baixaron e durante a noite a cota de neve descenderá aos 1.200 metros.