Dispáranse as denuncias por violencia machista na Galiza: medran 18% no primeiro trimestre do ano

No primeiro trimestre presentáronse 1.695 denuncias. (Foto: Europa Press)
En comparanza cos datos de 2019, antes da pandemia, o número de vítimas aumenta pero as denuncias presentadas descenden.

Os xulgados galegos recibiron durante o primeiro trimestre do presente ano un total de 1.695 denuncias por violencia de xénero, unha cifra que aumenta en 18,2% a respecto do mesmo período de 2021, cando se rexistraran 1.434.

Neste período medrou tamén de forma considerábel o número de mulleres que aparecen como vítimas, pasando de 1.434 a 1.616, isto é, unha repunta de 12,7%.

Deste modo, a taxa de violencia machista —mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres— é na Galiza, segundo estes últimos datos, de 11,6, a segunda máis baixa do Estado español, cunha media de 16,7.

Tomando como referencia os datos de 2019, antes da pandemia, neste primeiro trimestre de 2022 descenderon as denuncias (-2,4%) mais medraron as vítimas (+6,3%).

Os distintos órganos xudiciais do país —xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais— ditaron neste período 561 sentenzas, das cales 472 (84%) foron condenatorias.

Aliás, durante estes tres primeiros meses do ano solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller até 452 ordes de protección, o que supón 21,8% máis que un ano atrás.

Delas, foron acordadas 322 (71%), fronte ás 232 de 2021. Nos xulgados de garda sen competencia en violencia sobre a muller solicitáronse 116 ordes de protección, o que supón un aumento interanual de 27,5%.

Suspesión de réxime de visitas

Por outra parte, entre xaneiro e marzo os órganos xudiciais galegos adoptaron 50 medidas consistentes na suspensión do réxime de visitas, 733 % máis que o ano anterior, cando só se adoptaron seis.