Aumentan as denuncias por violencia machista no terceiro trimestre de 2014

O informe publicado polo Consello Xeral do Poder Xudicial cifra no 13,97% o número de denuncias por cada 10 mil mulleres, no conxunto do estado.

 

A piques de rematar o ano as institucións lanzan as estatísticas do último trimestre de 2014. Neste senso, o Consello Xeral do Poder Xudicial vén de facer públicas as estatísticas arredor das denuncias por violencia machista presentadas entre outubro e decembro deste ano no conxunto do Estado español. 

Segundo este estudo o número de denuncias incrementouse o 0,5% a respeito do mesmo período de 2013 cun total de 33.201 demandas. Os dados emanan dos xulgados exclusivos de violencia contra as mulleres e daqueles tribunais que posúeb competencias partilladas. 

Galiza sitúase entre os territorios onde menor número de denuncias se presentan, xunto con Euskadi, Estremadura e La Rioja. Así as cousas, no noso país cífranse nun 9,3%

A maior parte das denuncias son presentadas directamente polas mulleres en situación de violencia (68%), principalmente a partir dun atestado policial (60,61%).

A maior parte das denuncias son presentadas directamente polas mulleres en situación de violencia, principalmente a partir dun atestado policial

Neste período a porcentaxe de renuncias a continuar co procedemento xudicial incrementou a respeito do ano anterior un 2,6% embora reducirse en relación ao anterior trimestre deste ano o 5,1%. 

Doutra banda, só o 56% dos procedementos que continúan o seu curso rematan coa imposición de ordes de protección ditadas xudicialmente. Isto é, das 8.807 ordes solicitadas os tribunais ditaron apenas 4.918. Aliás, apunta o informe do Consello Xeral do Poder Xudicial, das 15.410 medidas penais adoptadas --entre as que se inclúen as de protección e outras-- estabeleceron ordes de afastamento no 88,6% dos casos, no 89,2% a prohibición de comunicación e no 3,7% a privación de liberdade. 

Das 8.807 ordes de protección solicitadas os tribunais ditaron apenas 4.918

Porén, estas medidas non sempre resultan efectivas. Neste senso, o Observatorio sobre violencia machista --adscrito ao Consello Xeral do Poder Xudicial-- publicou a comezos de decembro un outro estudo no que analiza 15 feminicidios nos que as mulleres denunciaran. Deses casos, en 14 ocasións a policía non calificou como un risco elevado e mesmo se reduciu nalgunha ocasión de "baixo" a "non apreciado". Desde o consello alertaron da existencia de fallos evidentes nas ordes de protección. 

O documento, intitulado Informe sobre falecementos por violencia de xénero con procedementos xudiciais previos en 2014 estuda 15 asasinatos machistas nos máis de medio cento producidos no Estado español este ano. Entre eles o crime de A.P e A. como son identificadas a nai e filla asasinadas e en cuxo caso as "dilixencias previas" foron "sobreseídas" por non se atopar o denunciado --posteriormente asasino-- no seu domicilio cando axentes da policía se desprazaron até alí. 

O Poder Xudicial analizou 15 feminicidios nos que após presentaren denuncia os casos foron considerados de pouco ou ningún risco. As mulleres foron finalmente asasinadas

A situación de violencia machista fora denunciada pola nai e avoa das vítimas o 16 de xaneiro perante o Decanato dos xulgados de Madrid. A finais do mes de novembro foron asasinadas sen que a xustiza tivera imposto medidas de protección. 

Desde a presidencia do Observatorio contra a violencia machista, Ángeles Carmona, afirmou que "para alén dos dados estatísticos debemos continuar insistindo na necesidade dunha maior implicación de toda a sociedade no problema" da violencia contra as mulleres.