Datos da Covid-19: Aumentan os contaxios a 146 e descenden as hospitalizacións a 167

Un sanitario realiza un test PCR a un cidadán. (Foto: Europa Press)

Galiza mantén a tendencia descendente a respecto da presión hospitalaria ao reducirse a 167 os pacientes Covid ingresados, o que supón seis menos que a xornada anterior, mais volveron repuntar os novos contaxios do coronavirus a 146, 4 máis. Pola súa banda, os casos activos ascenderon lixeiramente a 2.193 e a área de Vigo sitúase á cabeza, con 603.

Segundo os datos actualizados na mañá da sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da quinta feira, baixan a 26 os pacientes Covid ingresados en UCI na Galiza -dous menos- e descenden a 141 os que se atopan noutras unidades -catro menos-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria redúcese en dúas das sete áreas -Ourense e Vigo-, mentres que se mantén nas da Coruña-Cee, Santiago-Barbanza, Pontevedra-O Salnés; Ferrol e Lugo.

En concreto, na área sanitaria de Ourense aínda que seguen dous pacientes en UCI, baixan a 14 os ingresados noutras unidades -catro menos-; mentres que na de Vigo seguen seis en críticos e redúcense a 28 os doutras unidades -dous menos-.

Na da Coruña e Cee aínda que descenden a nove os pacientes Covid en UCI -dous menos-, soben a 52 os ingresados noutras unidades -dous máis-; mentres que a de Santiago e Barbanza mantense sen cambios con catro en críticos e 14 noutras unidades.

Así tamén sucede na área de Pontevedra e O Salnés que continúa con dous en UCI e 20 ingresados noutras unidades; na de Lugo, onde seguen tres en críticos e cinco noutras unidades; e na de Ferrol, que se mantén sen hospitalizados en UCI e con oito noutras unidades.

Máis casos activos

En canto aos casos activos da Covid-19 na Galiza, após o descenso da xornada anterior despois a tendencia ascendente mantida desde o inicio desta semana, volveron subir lixeiramente, até os 2.193, o que supón oito máis, ao haber máis contaxios que altas.

Por áreas sanitarias, os casos activos subiron nas de Santiago e Barbanza (+13); Ourense (+9), Pontevedra e O Salnés (+6), Lugo (+6) e Vigo (+3), mentres que descenderon nas da Coruña e Cee (-18) e Ferrol (-11).

A área de Vigo, con 603 casos activos sitúase á cabeza, ao superar a da Coruña e Cee, que até a data rexistraba o maior número, e na que caen a 598; seguida da de Santiago e Barbanza, con 331; Pontevedra e O Salnés, con 289; Ourense, con 149; Lugo, con 148; e Ferrol segue á cola, con 75.

Máis contaxios

Tamén os novos contaxios detectados con calquera tipo de proba repuntaron lixeiramente a 146, tras descender a 132 esta quinta despois de subir a 181 a cuarta desde os 139 da terza e 112 da segunda.

Dos positivos, 122 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas, deles 32 na área de Vigo; 28, na da Coruña e Cee; 22, na de Pontevedra e O Salnés; 21, na de Santiago e Barbanza; 10, na de Ourense; oito, na de Lugo; e un, na de Ferrol.

Até a data da última actualización de datos realizáronse 1.898.328 PCR, que supoñen 6.900 probas máis que o día anterior -un centenar menos que as feitas a xornada pasada-.

En canto á taxa de positividade, despois de repuntar a un 4% no inicio da semana, descendeu a un 1,8% tras manterse as últimas xornadas nun 2%, polo que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Desde o inicio da pandemia faleceron 2.367 persoas diagnosticadas de Covid-19 despois de notificar a Consellaría de Sanidade na quinta feira a morte doutras catro. Todas elas tiñan patoloxías previas.