Aumentan os casos activos de Covid en todas as áreas sanitarias

Xiringa extraendo unha dose da vacina contra a Covid-19 de Pfizer-BioNTech. (Foto: Feydzhet Shabanov)
Soben os novos contaxios a 43 e os pacientes hospitalizados por este coronavirus descenden a 23.

Os casos activos de Covid-19 aumentan nas sete áreas sanitarias de Galiza, que rexistra 450 -supoñen 31 máis-; así como os novos contaxios, que repuntan a 43, cando a xornada anterior estaban por baixo da trintena. Por contra, os pacientes hospitalizados por este coronavirus descenden a 23, o que supón dúas menos.

Segundo os datos actualizados esta terza feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros ata as 18 horas desta segunda, descenden a seis as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 -unha menos- e baixan a 17 as que se atopan noutras unidades convencionais -unha menos-; mentres que 427 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente só na de Santiago e Barbanza, que aínda que segue sen ingresados por Covid en UCI, conta con catro pacientes noutras unidades -un máis-, mentres que se alivia nas de Ourense, Vigo e Ferrol; e mantense nas da Coruña e Cee, Lugo e Pontevedra-O Salnés.

Por terceira xornada consecutiva aumentan os casos activos de Covid-19 no conxunto de Galiza, que conta con 450, que supoñen 31 máis que o día anterior, ao haber máis contaxios (43) que curados (11), ao que se engade un falecemento.

As infeccións activas aumentan nas sete áreas sanitarias galegas: Ourense (+9), Ferrol (5), Santiago e Barbanza (+5), A Coruña e Cee (+4), Vigo (+4), Lugo (+2) e Pontevedra e O Salnés (+2).

Os novos contaxios de Covid-19 repuntan até os 43 no conxunto de Galiza, que supoñen 19 máis que os 24 cos que comezou esta semana. O 11 de outubro rexistráronse 14, a cifra máis baixa desde que Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade'.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- aumenta a un 2,17% apòs iniciar a semana cun 1,06%. Destemodo, segue por baixo do 5% que a OMS fixa como limiar para considerar controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia en Galiza aumentan a 2.650, ao notificar esta segunda feira a Consellaría de Sanidade unha nova vítima. O óbito correspondeu a un home de 91 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo ( Chuvi). Era usuario da Residencia Clece Vitam Pardo Bazán de Vigo.