Aumentan os casos activos de Covid nas áreas da Coruña, Vigo e Santiago

Usuarias dunha praia con máscaras. (Foto: Álex Zea / Europa Press)

A cifra total de contaxiadas descendeu a 178.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, esta terza feira, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 178.

Deles 31 son da área da Coruña (4 máis ca onte), 106 da de Lugo (30 menos), 5 da de Ourense, 9 da de Pontevedra, 18 da área de Vigo (1 máis), 9 da de Santiago (1 máis), e ningún da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 7 están en unidades de hospitalización e 171 no domicilio, non habendo ningún en UCI.

Polo de agora, na Galiza hai un total de 11.116 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 235.064.

Dentro do total de casos rexistrados na Galiza hai un vinculado con centros residenciais, segundo indica Sanidade, que corresponde a un traballador, mentres as residencias seguen sen persoas usuarias infectadas.

Fuenlabrada

O xerente da área Sanitaria da Coruña, Luis Verde Remeseiro, informou esta terza feira que técnicos realizaron un total de 46 probas PCR a membros da expedición do Club de Fútbol Fuenlabrada, entre os cales se rexistran oito casos positivos por coronavirus.

Os técnicos sanitarios realizaron as probas illados nas súas habitacións aos oito membros do cadro do Fuenlabrada que constan como positivos, mentres que o resto foi sometido ás PCR nunha sala habilitada do hotel NH Finisterre da Coruña, onde o equipo permanece confinado.