Aumentan até 421 os contaxios en centros educativos e fecha unha escola infantil en Celanova

Escola infantil (Europa Press)

Foron 18 casos máis en 24 horas na Galiza que xa conta con 23 aulas en corentena.

Os casos activos nos centros educativos galegos volven aumentar, en 18, até o total de 421 positivos. A incidencia da pandemia da Covid-19 nas comarcas de Ourense obrigou ao fechamento da Escola Infantil María Ana de Celanova, tras un positivo.

A clausura deste centro provocou que a cifra total de aulas en corentena en toda Galiza aumente en dúas, até as 23, segundo os datos diarios achegados polas consellarías de Educación e Política Social, actualizados esta sexta feira.

Maior incidencia nas comarcas de Ourense

As comarcas de Ourense, no ámbito escolar, contan con 158 positivos activos (+15), oito aulas en corentena (+2) e unha escola infantil fechada, a de Celanova. Este centro convértese no segundo en fechar na Galiza por contaxios desde o inicio de curso. O primeiro foi o Colexio Plurilingüe Calasancio de Pontevedra, que ao comezo de setembro detectara oito positivos entre o seu persoal. No parte deste sábado, contabiliza dous contaxiados.

Á listaxe das comarcas de Ourense súmanse outros sete colexios, catro deles na capital (CEPR ART Ourense, CEIP Vistahermosa, CPR Santo Cristo e CEIP A Ponte, cun caso cada unha), un en Bubiá (CEIP Plurilingüe Virxe  do  Camiño, que suma un contaxio), outro en Verín (CPR Plurilingüe, cun infectado) e outro en Xinzo de Limia (o CEIP Carlos Casares, con dous casos de  COVID). Con todo, en ningún deles houbo que ningunha aula en corentena.

En canto ao resto de áreas, os contaxiados baixan nas da Coruña, que contabiliza 74 (-6) e dúas clases fechadas; e as de Lugo, con 27 (-4) casos relacionados con centros e ningunha unidade clausurada.

Pola contra, os casos activos da Covid-19 na comunidade educativa soben en Ferrol, con 10 positivos (+2) mais ningunha aula fechada; en Compostela, con 58 infectadas (+6) e seis (as mesmas) clases en corentena; nas de Pontevedra, con 43 casos (+2) e unha unidade clausurada (sen cambios); e en Vigo, con 51 (+3) contaxios e seis aulas fechadas.

s datos facilitados pola administración non representan unha instantánea precisa sobre o volume de novos  contagios, ao limitarse a trasladar os que permanecen en activo e non concretar as altas nin os positivos que se engaden ao montante respecto ao parte anterior.

Novos centros con contaxios

Na comunicación desta sexta feira, a Xunta informa de 25 novos centros que rexistran un total de 26 casos de coronavirus, ademais de clausura da escola infantil de Celanova.

Na área da Coruña, como novas incorporacións á listaxe está o CEIP Ramón Otero Pedrayo, mentres que en Ferrol rexistraron infectados o EPAPU Santa María de  Caranza e o CEIP Esteiro.

Así mesmo, na área de Compostela, incorpóranse o CEIP Xesós Golmar de Lalín, o CEIP Ramón de  Artaza de Muros, o CEIP Santa Irene de Porto do Son, o CPI de Pontecesures, o CPR Manuel Peleteiro, o IES Arcebispo Xelmírez I da capital galega, o CMUS Profesional de Santiago e o CPI Plurilingüe de Vedra.

Na área de Pontevedra, aparecen como novos centros o CPR Plurilingüe Sacro Corazón de Jesús, mentres que na área de Vigo están o CEIP Plurilingüe Manuel Sieiro de Crecente, o CEIP Plurilingüe Mestre Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas, o CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán de Tomiño e o CIFP Manuel Antonio da cidade olívica.

Como centros con maior número de positivos de toda Galiza están o CPR Plurilingüe María Auxiliadora (11), o CPR Plurilingüe Santo Anxo (8), o CPR Santa Teresa de Jesús (8), o IES O Ribeiro de Ribadavia (7) e o CPR Plurilingüe Luís Vibes (subiu de 3 a 7 casos nun día), todos eles na área de Ourense. Tamén contan cun número importante de casos o IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, que en 24 horas pasou de 2 a 7 casos.