Aumenta a presión hospitalaria nunha xornada con 425 positivos confirmados por PCR

(Foto: Europa Press)

Os casos activos soben en 84 até os 9.376. Aumentan a 545 os pacientes ingresados, deles 79 en UCI.

Os pacientes con Covid-19 ingresados en hospitais da Galiza volveron a aumentar até os 545, o que supón 22 máis que os rexistrados onte, deles 79 en unidade de críticos -dous máis- e 466 noutras unidades -20 máis-.

Os positivos por Covid-19 confirmados por PCR nas últimas 24 horas seguen en descenso na Galiza após detectarse outros 425, fronte aos 597 de onte e tras superar os 700 nas xornadas da fin de semana. Mentres, os casos activos de coronavirus soben até os 9.376 após sumar 84.

.Así se desprende dos datos actualizados na mañá de hoxe na web da Consellería de Sanidade con cifras até as 18:00 horas de hoxe, recollidos por Europa Press, nos que se constata que se detectaron 88 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas na área sanitaria de Vigo; 84 na da Coruña e Cee; 76 na de Pontevedra e O Salnés; 62 na de Ferrol; 51 na de Santiago e O Barbanza; 38 na de Ourense e 26 na de Lugo.

En canto aos casos activos de Covid-19, baixan en tres das sete áreas sanitarias galegas. En concreto, descenden a 1.272 na de Ourense -27 menos-; a 1.348 na de Santiago -12 menos- e a 963 na de Lugo -20 menos-.

Pola contra, os casos activos de coronavirus Covid-19 aumentaron a 2.126 na área de Vigo -54 máis-; a 1.603 na da Coruña e Cee -28 máis-; a 1.082 na de Pontevedra e O Salnés -33 máis- e a 982 na de Ferrol --28 máis--.

En canto ás persoas falecidas aumentaron a 944 despois de notificar Sanidade na tarde de onte 21 vítimas mortais, unha ducia delas rexistráronse ou están relacionados con residencias de maiores, o que sitúa á desta segunda feira como a xornada con máis mortes comunicadas polas autoridades sanitarias desde a primeira onda do coronavirus.

En concreto, a última xornada que alcanzou estas cifras de falecidos foi o pasado 11 de abril, cando se informou de 23 mortes debido á incidencia da pandemia na Galiza.