Aumenta a presión hospitalaria con 21 novos ingresos en 24 horas, cinco en unidades de críticos

Galiza conta con 273 persoas hospitalizadas polo coronavirus.
Os novos contaxios baixan do millar e os casos activos superan os 11.600.

Tras a lixeira baixada anotada este sábado, a ocupación dos hospitais galegos por mor da Covid volve aumenta até os 273 pacientes ingresados. Son 21 máis dos notificados o último día por Sanidade, que no último informe epidemiolóxico divulgado este domingo, apunta 16 hospitalizacións novas en planta e cinco en unidades de coidados intensivos.

En total, a Galiza mantén 225 persoas en planta cunha PCR positiva, 48 en unidades de críticos e 11.379 en seguimento no domicilio. A presión hospitalaria aumenta en todas as áreas sanitarias salvo na de Pontevedra, onde os hospitalizados se reduciron até os 44. Baixaron en tres os enfermos en unidades convencionais, até os 37, e aumentou en un  a ocupación en UCI, con sete casos.

Presión hospitalaria

A área de Vigo soporta a maior presión asistencial, cun total de 95 ingresados, 10 máis, dos que 20 están críticos. Ourense contabiliza 64 hospitalizados, cinco máis,con sete persoas enfermas en UCI.

A Coruña conta con 25 ingresados, dous máis, con catro pacientes críticos. Santiago-Barbanz ten 16 doentes con Covid, tres máis, cinco en UCI.

A área de Lugo suma 15 hospitalizados, tres máis, e cinco en unidades de críticos. Pola súa banda, Ferrol non notificou cambios na última xornada, polo que mantén 14 persoas infectadas polo coronavirus, todas en planta.

Contaxios e casos activos

Segundo o último balance facilitado pola Consellaría de Sanidade, os casos activos de Covid-19 ascenden até os 11.652, que supoñen 417 máis que os rexistrados onte, o que apunta unha contención na suba das infeccións, mais sen perder de vista que son datos correspondentes á fin de semana.

Os novos contaxios volveron superar as altas. O Sergas notificou 964 novos positivos, na contorna do millar. Son 132 menos que os rexistrados este sábado e só seis máis que os anotados hai xusto unha semana, outro indicio de que a pandemia pode estar a frear o seu crecemento.

Do total de novos contaxios, 377 corresponden á área de Vigo, Ourense suma 203; Pontevedra, 112; A Coruña, 107; Santiago, 68; Lugo, 66, e Ferrol, 31.

Polo que se refire ás persaos cunha infección activa polo SARS-CoV-2, 1.586 son da área da Coruña, 735 da de Lugo, 2.657 da de Ourense, 1.696 da de Pontevedra, 3.731 da área de Vigo, 776 da de Santiago e 471 da de Ferrol.

As persoas contaxiadas na Galiza desde o inicio da pandemia superan a barreira dos 200.000, mentres que o número de falecementos con Covid diagnosticado se sitúa en  a 2.698, tras notificar Sanidade tres novas defuncións.

Positividade e incidencia

A taxa de positividade a sete días mantense por riba do limiar recomendado pola OMS de 5%. Sitúase na contorna de 12%. Pola súa banda, a razón de taxas sitúase por riba de un, mais cunha tendencia á baixa leve pero contante nas últimas xorndas.

A incidencia acumulada rolda xa os 400 casos por 100.000 habitantes a 14 días e os 235 a sete días.