Aumenta a presión hospitalaria convencional e mantense nas unidades de críticos con 63 doentes

Descende a presión hospitalaria mais medran os ingresos en UCI. (Foto: Santi Alvite).

Os casos activos manteñen a tendencia á baixa. A cifra de novos contaxios tras a fin de semana sitúase por baixo do medio milleiro.

O ritmo de contaxios diarios por Covid-19 volveu descender na Galiza, onde se confirmaron nas últimas horas 447 novos contaxios -fronte aos 560 novos notificados este domingo e os 710 do sábado-. Con todo, esta cifra tamén rebaixa en máis dun centenar o número de novos positivos declarados hai xusto unha semana.

Doutra banda, a presión hospitalaria mantense nas unidades de coidados intensivos con 63 pacientes ingresados e aumenta nas unidades convencionais de hospitalización, con 268 doentes, 21 máis que o último día.

Segundo os datos facilitados pola Consellaría de Sanidade na mañá desta segunda feira con datos até as 18 horas deste domingo, os novos contaxios descenden en todas as áreas sanitarias salvo nas de Ourense e Pontevedra, onde soben lixeiramente con respecto á xornada anterior. Se ben, o número de probas diagnósticas realizadas no conxunto do territorio tamén diminuíu coincidindo coa fin de semana. 

Novos contaxios e casos activos

Na área da Coruña confirmáronse 101 novos contaxios (18 menos que os notificados o domingo), na área de Lugo notificáronse 78 contaxios novos (38 menos), na área de Santiago notificáronse 75 novos contaxios (52 menos), na área de Vigo hai 72 novos contaxiados (1 menos), na área de Pontevedra son 45 novos casos (13 máis), na área de Ourense son 43 contaxios novos (2 máis) e na área de Ferrol confirmáronse outros 33 contaxios (19 menos).

Após o último balance, o número de casos activos en Galicia descende a 10.411 (467 menos que nos notificados o domingo), despois de que case un milleiro de persoas recibisen o alta epidemiolóxica nas últimas horas.

Por áreas, A Coruña conta con 3.096 persoas coa infección por Covid activa, seguida pola área de Vigo, con 2429 casos activos. Na área de Lugo hai 1.231, na área de Santiago son 1.211 casos, na área de Pontevedra hai 945, na área de Ferrol son 785  e na área sanitaria de Ourense hai 714 casos activos.

Presión hospitalaria

Con respecto á presión hospitalaria, a situación nas unidades de coidados intensivos dos centros sanitarios galegos non variou nas últimas horas a efectos de ocupación. Manteñen 63 pacientes con Covid ingresados.

A área da Coruña segue na cabeza con respecto ao número de pacientes en unidades de coidados críticos, con 19 ingresados (un menos), seguida pola área de Ferrol, con 11 pacientes en UCI (dúas máis). Na área de Vigo os pacientes en UCI baixaron de 11 a 10 e, no resto de áreas sanitarias, permanecen en UCI o mesmo número de persoas que hai 24 horas: oito en Ourense, seis en Santiago, cinco en Lugo e catro na área de Pontevedra.

Con todo, a presión en unidades convencionais de hospitalización creceu nas últimas horas, e pasou de 247 a 268 pacientes (21 máis que hai un día). Os ingresados en planta aumentaron en todas as áreas sanitarias, excepto en Pontevedra, onde hai un menos, e en Santiago, onde non houbo cambios.

Falecementos

Desde que comezou a pandemia faleceron 2.540 persoas con coronavirus. Os últimos decesos comunicados polo Sergas foron os dun home de 74 anos e unha muller de 73 anos, ambos os ingresados no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.