AUMENTA O NúMERO DE BENS CULTURAIS EN PERIGO NA GALIZA

Luz vermella para o patrimonio galego

Castelo de Taboi (Outeiro de Rei)

A destrución dunha mámoa de 6.000 anos en Cea volve pór de actualidade a situación dos bens culturais de Galiza en perigo inminente. Unha 'lista vermella' que aumenta semana tras semana.

 

Un túmulo neolítico de máis de 6.000 anos de historia foi destruído na aldea de Ardesende (San Cristovo de Cea) dando paso a un merendeiro. Un ataque ao patrimonio que non é un feito illado na Galiza do século XXI. Para coñecer e protexer os bens culturais de Galiza naceu 'Patrimonio Galego', unha ferramenta para poder ter un Catálogo Social do patrimonio cultural galego, "unha especie de Wikipedia do Patrimonio", como resumen con retranca os seus promotores. Como ten recoñecido un deles, Manuel Gago, xornalista e experto en patrimonio, 'son todos os que están mais non están todos os que son'. Patrimonio Galego leva catalogados case 7.500 bens culturais ao longo e ancho de toda Galiza. Na súa 'lista vermella' (definición empregada a nivel internacional para se referir a aqueles en estado de abandono ou risco) había 40 a principios de 2015, cifra que vai aumentando coas denuncias e avisos de catalogador@s. De feito, na actualidade son xa medio cento os bens incluídos nesta clasificación.

A principios de ano había 40 bens na 'lista vermella' de Patrimonio Galego, unha cifra que na actualidade xa anda no medio cento

De conventos a cruceiros, pasando por pontes, igrexas ou círculos líticos, diversos elementos integran esta lista de Patrimonio Galego, que di que “está formada por aqueles bens que corran grave perigo, xa sexa de destrución, alteración ou desaparición”. O criterio para que un elemento pase a formar parte de dito listado será establecido polo grupo de editores de PG. Así, semanalmente, “de todas as novas fichas incorporadas, valoraranse as máis vulnerables. Para isto, xunto á información aportada polo catalogador/a, analizarase o seu estado, a documentación e as novas nos medios”. Finalmente, elaborarase un informe anual sobre os bens que corran maior perigo.

A 'Listaxe vermella do patrimonio en perigo', que elabora a Asociación para a Defensa do Patrimonio 'Hispania Nostra' tamén acende o sinal de alerta, embora para eles son 12 os bens de patrimonio na Galiza en grave risco de desaparición, destrución ou perda.. Esta lista, creada en 2006, inclúe pazos, dolmenes, mosteiros ou torres.