Covid: Aumenta o foco nunha residencia de Ribadeo ao detectarse nove contaxios máis

Unha sanitaria sostén unha vacina da Covid-19. (Foto: Sven Hoppe / Dpa)
Aliás, na xornada de hoxe o Concello de Lugo impuxo o fechamento temporal da escola infantil Luís Soto Menor por un positivo entre o cadro de persoal do centro.

As residencias volven ser das principais prexudicadas polos contaxios que se están a comunicar nos últimos días. Se antes eran os centros de Xove e Vimianzo os que estaban a incrementar o número de persoas infectadas, nesta nova xornada a Consellaría de Política Social informou de que aumenta o surto detectado no Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo. 

En concreto, nesta instalación da Mariña deron positivo por coronavirus sete residentes así como dúas traballadoras, polo que neste momento hai 19 doentes entre as usuarias e usuarios e 3 no cadro de persoal. Así os casos están en 21. 

A pesar dese pequeno incremento, a peor parte está na DomusVi de Vimianzo, onde permanecen con síntomas ou asintomáticas 57 persoas que viven na infraestrutura, así como outras 15 entre as e os operarios. É dicir, é o gromo máis grande entre os xeriátricos ao afectar a un total de 72 individuos. Ademais, xa se produciron algúns falecementos. 

No que se refire só ás e aos maiores, en toda Galiza hai 138 infectados polo virus, gran parte dos cales tamén se atopan na residencia de Moledo en Vigo (15), na San Bartolomeu de Xove (14), na Santa Teresa de Jornet da Coruña (8) -onde faleceron varias persoas na primeira onda- e na CRAPD Vigo II.

Segundo a Xunta, o resto das pacientes repártense da seguinte forma: La Saleta en San Cristovo de Cea (5); Monte Tecla de A Guarda (4); DomusVi Vigo e Vila do Conde en Gondomar (2 cada unha). 

Con unha enferma están a Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, Servisenior Brión, os apartamentos tutelados San Bartolomeu de Xove, Covelo e Vilaboa. 

As traballadoras que seguen a dar positivo son un cento e, ademais das 15 de Vimianzo, das 10 de San Bartolomeu de Xove, das 8 quer no Asilo de Vilalba quer na DomusVi Ribadumia, están distribuídas entre outras 30 infraestruturas. 

Precaución en Lugo

Por outra parte, os novos contaxios tamén chegan aos centros educativos. A Concellaría de Educación e Difusión do Coñecemento de Lugo anunciou este domingo o fechamento temporal da Escola Infantil Municipal Luís Soto Menor. 

Esta decisión tomouse despois de que fose detectado un foco de coronavirus entre o persoal do centro. Mentres o resto do cadro de persoal é sometido a probas, encargaráse a desinfección da infraestrutura para cando sexa posíbel reabrir. 

“Os protocolos que están a seguir as educadoras das escolas permiten confirmar que as posibilidades de contacto coas crianzas foron moi pequenas, mais por responsabilidade decidimos proceder ao feche da instalación”, explicou o edil do departamento, Felipe Rivas.