O transporte urbano gaña terreo aos vehículos particulares na Galiza

No que vai de 2022 usaron o bus urbano 4.481 galegos e galegas. (Foto: Nós Diario)
O uso do autobús urbano sobe 27,2% a respecto de 2021, mentres caen as vendas de coches usados (29,7% menos) e de nova matriculación (17%).

As persoas usuarias de autobús urbano na Galiza aumentaron 27,2% en marzo, a respecto do mesmo mes de 2021, até alcanzar os 4,48 millóns de viaxes, segundo datos publicados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Así, no que vai de ano, as e os usuarios de buses urbanos nos municipios galegos incrementáronse 34,4% en comparanza cos tres primeiros meses do exercicio pasado —4.481 fronte a 3.523—.

As vendas de coches usados caeron 29,7% e as de vehículos de nova matriculación, 17%

Este dato contrasta cos que veñen de facer públicos as asociacións de fabricantes (Anfac), concesionarios (Faconauto) e vendedores (Ganvam) de automóbiles, que reflicten unha caída o pasado abril de 17% nas matriculacións de vehículos a respecto do mesmo período de 2021, cun total de 1.806 unidades.

Aliás, a Asociación Nacional de Comerciantes de Vehículos (Ancove) apuntou que, con base no mesmo período, as transaccións de vehículos usados baixou 29,7% na Galiza —7.231 unidades vendidas en abril de 2022—.

Datos estatais

A nivel estatal, o INE publica as cifras de usuarios dos diferentes transportes públicos. Así, os viaxeiros que utilizaron o avión e a alta velocidade para desprazarse polo Estado español o pasado mes de marzo triplicáronse a respecto do mesmo mes do ano anterior, no que aínda existían numerosas restricións debido á pandemia.

Máis de 2,8 millóns de usuarios utilizaron o transporte aéreo no Estado no terceiro mes do ano, o que supón 197,7% máis, mentres que outros 2,4 millóns escolleron o tren de Longa Distancia para os seus desprazamentos (162,5%). Dentro deste segmento, os viaxeiros que utilizaron o AVE sumaron un total de 1,7 millóns de usuarios (+183,5%), achegándose a cifras anteriores á pandemia.

O transporte ferroviario foi utilizado en España o pasado mes de marzo por case 48 millóns de viaxeiros, 46,2% máis que o ano anterior, dos cales 43,1 millóns foron usuarios de proximidade (+41,3%); 2,3 millóns, de Media Distancia (+76,8%), e 2,4 millóns, de Longa Distancia (+162,5%).

Aliás, o número de usuarios do transporte público a nivel estatal aumentou en marzo 41,8% en taxa anual, até alcanzar os 392,5 millóns de pasaxeiros. O transporte urbano incrementouse 40,9%, mentres que o interurbano avanzou un 47%.