Aumenta en 16% a respecto de 2021 a cifra de mortes atribuíbeis á temperatura

Entre xaneiro e decembro faleceron 353 persoas por causa do clima.

Entre xaneiro e a primeira semana de decembro faleceron na Galiza por causas atribuíbeis á temperatura 353 persoas. Isto é, 16% máis que en todo 2021, cando o número de falecementos por estas causas entre 1 de xaneiro e 31 de decembro se situara en 304. 

Os datos, que fornece o Sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas (MoMo) do Instituto Carlos III, dispáranse a respecto de 2020, cando as persoas mortas por circunstancias atribuíbeis á temperatura eran 134.

O prezo da electricidade e da enerxía, segundo os datos da asociación de consumidoras e consumidores Facua, rexistraron un aumento interanual de ao redor de 70%. Isto implica, como teñen denunciado colectivos e entidades sociais, como a Rede Galega contra a Pobreza, que hai miles de persoas con dificultades para facer fronte ao pagamento da calefacción ou do aire acondicionado. 

"Os datos indican que é unha das primeiras cousas das que se prescinde cando hai que apertar o cinto e non tes moito onde apertar: Comer ou calefacción? De que prescindes para poder chegar a fin de mes? Calefacción, claro", manifesta a Nós Diario Andrés Rey, voluntario en colectivos que axudan persoas en situación de precariedade.

Por exceso ou por defecto

Das 353 mortes no que vai de ano, 127 rexistráronse en xullo, mes no que a Galiza soportou dúas vagas de calor. E 78 en agosto, mes que tamén deixou rexistros de temperatura superiores aos parámetros normais no país para esa época do ano.

Mais a seguir, os dous meses con máis persoas que perderon a vida na Galiza por causas atribuíbeis á temperatura foron xaneiro (55) e febreiro (30).

Julio Díaz, codirector da Unidade de Cambio Climático, Saúde e Medio Ambiente Urbano do Instituto de Saúde Carlos III, explica que "a mortalidade que se atribúe á calor ou ao frío moi poucas veces é directamente por un golpe de calor". O que realmente fai a calor, afirma, "é agravar outras patoloxías que xa existen, é dicir, actúa igual que a contaminación, que empeora outras enfermidades, principalmente respiratorias, circulatorias, neurolóxicas ou endocrinas". A consecuencia máis extrema é a morte. "A primeira vaga de calor ou de frío leva á mortalidade aquelas persoas que están máis graves", indica. "Cunha maior duración, o impacto vaise acumulando". A maioría das falecidas na Galiza no que vai de ano eran persoas de máis de 84 anos, con patoloxías previas.

Idades

Das 353 falecidas, 226 superaban os 84 anos de idade, mentres que 92 tiñan entre 75 e 84, 27 entre 65 e 74 anos e 17 tiñan unha idade entre os 45 e 64 anos. Por debaixo dese limiar de 45 anos faleceron por estas circunstancias 5 persoas na Galiza.

Por sexo, seis de cada dez falecidas entre xaneiro e decembro eran mulleres —202, o que representa 58% do total—.

En canto á división territorial, o sur da Galiza é o que rexistra un maior número de falecementos, de maneira que Pontevedra rexistrou 136 mortes, seguida de Ourense, con 112, A Coruña con 71 persoas mortas e Lugo, con 33.