Sobe o número de contaxiados, de casos activos e o índice de positividade

As auto-covid acumulan colas para facer a proba. (Foto: Europa Press)
521 novos infectados en 24 horas, os casos activos en Galicia aumentan a 8.638 e o índice de positividade en PCR ascende até o 8,1 %.

Os novos casos de COVID detectados na Galiza repuntaron nas últimas horas até os 521 (fronte aos 327 casos novos notificados hai un día), coas áreas sanitarias da Coruña e Vigo á cabeza de novos contaxios.

Segundo os datos publicados hoxe pola Consellaría de Sanidade, que se corresponden coa información recollida até as 18:00 horas da terza feira, na Galiza hai 8.638 casos activos de coronavirus, 21 máis que o día anterior; e detectáronse por PCR 521 novos contaxios, 194 máis na terza feira.

Este aumento de novos contaxios débese, fundamentalmente, aos casos detectados nas áreas de Vigo e A Coruña. Así, na área sanitaria olívica, confirmáronse 246 novos casos confirmados con PCR, fronte aos 43 detectados o día anterior; de maneira que o número de casos activos ascende de 2.209 a 2.293.

Na área da Coruña e Cee tamén aumentaron os casos, aínda que non de forma tan acusada. Así, o número de persoas con COVID pasou de 1.759 a 1.766, e nas últimas 24 horas detectáronse 100 casos novos (fronte aos 53 novos contaxios detectados por PCR o día anterior).

Na área de Ourense, Verín e Valdeorras, notificouse unha lixeira subida no número de novos casos (de 21 a 27 contaxios detectados), aínda que baixan os casos activos, de 627 a 608.

No resto de áreas sanitarias da Galiza descenden tanto o número de novos contaxios como o total de casos activos. Así, na área de Pontevedra e O Salnés, hai 1.218 casos activos de COVID (17 menos) e detectáronse 48 contaxios (22 menos que o día anterior).

Na área sanitaria de Ferrol, hai 689 casos activos (8 menos) e confirmáronse 19 novos contaxios (9 menos); na área de Santiago e Barbanza, hai 962 casos activos (20 menos) e detectáronse por PCR 44 novos contaxios (8 menos); e na área de Lugo, Monforte e A Mariña os casos activos baixaron a 1.102 (6 menos) e detectáronse 37 contaxios (23 menos).

Sanidade informou tamén hoxe da realización de 6.731 novas PCR en toda Galiza e 1.173 novas probas serolóxicas.

Con respecto á porcentaxe de PCR con resultado positivo, incrementouse lixeiramente nas últimas 24 horas, até o 8,1 %, algo máis de tres puntos por encima da porcentaxe que marca a OMS para considerar que a pandemia está controlada.

O número de falecidos ascende a 1.170.