Aulas sen sexualidade, mocidade en desigualdade

A Xunta de Galiza ignora a educación sexual nas aulas, unha materia chave para combater as violencias machistas. A información que reciben as adolescentes depende da vontade e do compromiso dos centros e do profesorado. Analizamos algunhas propostas para a súa abordaxe.

O primeiro paso para que as rapazas se formen en educación sexual é desaprender. Chis Oliveira, catedrática de Filosofía e autora de diferentes libros sobre educación sexual con perspectiva de xénero, teno claro: "temos que repensar o sexo e darnos permiso a vivirmos o desexo propio, non o desexo colonizado pola cultura machista".

Segundo unha enquisa da Sociedade Española de Contracepción (SEC), do ano 2019, a idade media da primeira relación sexual sitúase nos 15,7 anos entre a mocidade con idades entre os 16 e os 18 anos. A idade media para iniciarse no porno é de 11. Existe un termo para denominar a primeira xeración que chega ao porno antes que á súa sexualidade: 'pornonativos'. O imaxinario sexual está formado a partir da pornografía. Isolda Comesaña, de 18 anos, integrante do grupo de alumnado Comando Igualdade, asegura que "as adolescentes resolvemos as nosas dúbidas sexuais en internet", pero advirte de que os contidos que achegan os buscadores son pornográficos. A maioría do porno que se distribúe na rede, e consome a mocidade, é un porno que perpetúa os roles de xénero, e amosa relacións violentas que moitas veces non se basean no consentimento. O preocupante é que estes comportamentos "están sendo asumidos, normalizados e reproducidos" entre a xente máis nova, segundo observa Isolda.

Onde debe comezar a educación sexual?

Malia as recomendacións da Unesco e as esixencias de ONG como Save the Children, que reclamou unha materia obrigatoria de educación afectivo-sexual perante o récord de vítimas e de denuncias de maltrato e violencia machista, a sexualidade está esquecida no currículo educativo. Non existe ningunha materia, nin en primaria nin en secundaria, sobre educación sexual. A profesora Chis Oliveira asegura que, por mor deste baleiro no currículo, "estamos educando na desigualdade". A formación nos centros educativos redúcese a obradoiros e charlas que as directivas ou ANPA reclaman de maneira voluntario. Segundo apuntan as expertas, "poden ser útiles mais son insuficientes". A 'transversalidade' recollida no currículo, explica Oliveira, "queda nunha declaración de intencións". Ademais, o profesorado non ten a formación necesaria e os avultados programas de cada materia non teñen espazo nin tempo para introducir esta temática.

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.