As aulas, primeiro paso para combater o descoñecemento sobre o pobo xitano

Actos institucionais decorridos esta segunda feira en Compostela, Narón (Ferrolterra), A Coruña, Pontevedra e Ferrol. (Foto: Nós Diario)
Concellos galegos sumáronse á conmemoración do Día Internacional

Esta segunda feira conmemoráronse os 53 anos do primeiro Congreso Mundial Xitano, decorrido en Londres, e no que se adoptaron como símbolos propios deste pobo a bandeira (azul e verde, cunha roda vermella) e o seu himno, o Gelem, Gelem. Con motivo desta efeméride declarouse no ano 1990 en Serock, Polonia, o Día Internacional do Pobo Xitano, unha xornada que cada 8 de abril celebra a cultura xitana e que lembra os séculos de persecución que sufriron as xitanas e os xitanos no Estado español e en Europa. 

Para a Fundación Secretariado Xitano, que participou en actos institucionais para conmemorar o día, esta é unha data para "pór en valor e recoñecer unha historia e culturas propias, que enriquecen a sociedade da que todos e todas formamos parte e contribúen, con iso, ao noso desenvolvemento".

A pesar de que o pobo xitano camiña cara ao 600º aniversario da súa chegada á península Ibérica –un fito que decorrerá en 2025– os xitanos e as xitanas seguen a ser "un pobo esencialmente descoñecido e discriminado", sinala a Nós Diario, Isabel Suárez, coordinadora da Fundación Secretariado Xitano. "As principais dificultades da poboación, a pesar dos avances rexistrados nos últimos anos, céntranse no gozo dos dereitos fundamentais, que aínda están a unha distancia moi grande ao do resto da poboación", afirma Suárez. 

"Emprego, educación, vivenda, discriminación" e, tamén, descoñecemento. "E nese descoñecemento habitan os prexuízos, os receos e, polo tanto, o rexeitamento e a discriminación que converten o pobo xitano na minoría máis repudiada socialmente en toda Europa", reza o comunicado emitido polo Secretariado con motivo do 8 de abril. 

Co foco na educación

Precisamente, a loita contra este descoñecemento do pobo xitano, da súa historia e da súa cultura, centra a campaña do Secretariado Xitano para este 2024, pondo o foco no ensino como ferramenta chave para pór freo aos "estereotipos, prexuízos e á mala imaxe social" que aínda a día de hoxe conducen, en moitos casos, "ao rexeitamento, a discriminación, e o antixitanismo". Así, para combater este descoñecemento, desde a Fundación Secretariado Xitano propoñen comezar a traballar nas aulas e, concretamente, sobre a base do currículo escolar. 

A actual Lei de Educación, a Lomloe, recolle este mandato para as Administracións educativas. Porén, segundo informa Isabel Suárez, os extensos materiais elaborados para incorporar ao currículo aínda non se  aplican de maneira xeneralizada. "O coñecemento do pobo xitano segue ausente das aulas", afirma.

Nenos, nenas e adolescentes, tanto de Educación Primaria como de Secundaria, continúan sen coñecer a historia xitana. Tampouco son conscientes da existencia de "referentes positivos xitanos que existen, ao longo da historia, fixeron achegas ás ciencias, ás artes, ao deporte, etc.", insiste Suárez.   

"Hai que comezar pola escola", sentencia a coordinadora, na mesma liña que a fundación Secretariado Xitano pide que "isto sexa unha realidade e se xeneralice a incorporación da historia e a cultura do pobo xitano nas aulas como primeiro paso para combater o descoñecemento". 


As institucións sumáronse ás reivindicacións 

Concellos, como Compostela, Narón (Ferrolterra), Pontevedra, Ferrol ou A Coruña, acolleron esta segunda feira actos institucionais nos que mostraron o seu apoio, un ano máis, ás reivindicacións do pobo xitano no día en que conmemoran o seu día internacional. A bandeira xitana ondea desde onte en edificios públicos como compromiso dos poderes públicos á "construción de dinámicas que permitan coñecer mellor o pobo xitano" e para "reforzar as políticas públicas que permitan demoler as barreiras existentes e que propicien o exercicio da súa cidadanía en igualdade de condicións, dunha maneira real e efectiva".

Con motivo deste 8 de abril, tamén o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 quixo mostrar o seu apoio á poboación xitana, confirmando o 23 de abril como data na que se constituirá a comisión sobre Memoria e Reconciliación do Pobo Xitano.