As aulas galegas rozan os 1.700 casos de Covid tras sumar 157 novos positivos nunha xornada

Alumnado do CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela no inicio do curso escolar. (Foto: Arxina)

O PAI de Riós, na comarca de Verín, súmase a outras dúas escolas infantís fechadas pola pegada do coronavirus

A comunidade educativa galega despediu a semana con outros 157 positivos por coronavirus nunha xornada, que elevan o total de casos a 1.692, o que supón un novo máximo no ensino por cuarto día consecutivo.

Como consecuencia do avance da Covid e do seu impacto nos centros escolares, xa son tres as escolas de educación infantil fechadas ao alumnado mais ao persoal docente e administrativo.

O último en sumarse foi o Punto de Atención á Infancia (PAI) de Riós, que se une á escola infantil Pequenucos de Cuntis e á Unitaria de Trives.

Así figura no último balance difundido este sábado polas autoridades sanitarias, no que figuran perto de 1.700 infección activas e 45 aulas clausuras e en corentena á espera de poder recuperar o ensino presencial. Así, Galiza fecha a semana con 14 unidades educativas máis fechadas sen actividade nos centros.

Áreas sanitarias

Por áreas sanitarias, a da Coruña segue a ser a máis afectada con 419 casos e 11 aulas fechadas. De feito, conta co centro da Galiza con máis casos rexistrados, o IES Manuel Murguía de Arteixo, que con 17 casos supera os 16 positivos do Liceo A Paz.

Por detrás da Coruña, Vigo, con 347 casos activos e 12 aulas en corentena. En Santiago, os positivos elévanse a 300, que obrigan a manter nove aulas fechadas. Un día máis soben os casos na área de Ourense, Verín e Valdeorras, que contabiliza 218 e catro aulas en corentena. Pontevedra notificou 162 casos e catro aulas clausuradas.

Pola súa banda, a área de Lugo, A Mariña e Monforte contabiliza 128 infeccións positivas e dúas aulas en corentena, mentres que Ferrol suma tres aulas fechadas e 118 casos.