As aulas fechadas pola Covid achéganse a cen e a cifra de contaxios sobe até 2.242

Aulas nun centro (Foto: Nós Diario)

Os centros fechados na Galiza son seis, dous máis ca onte.

A día de hoxe hai 2.242 casos de coronavirus entre alumnado e docentes nos centros educativos e escolas infantís da Galiza. Son 156 casos máis ca onte.

Tamén aumenta o númerod e aulas fechadas, que é de 92 cando esta terza feira eran 44, o que significa que nun día hai 48 aulas máis que tiveron que ser clausuradas polo virus.

O número de centros fechados tamén subiu nestas 24 horas e pasou de 4 a 6, dous máis.

Aquí podes consultar centro a centro a situación da Covid en todas as áreas sanitarias da Galiza. 

As áreas sanitarias con máis casos de coronavirus no ensino son as da Coruña e Vigo. Na primeira hai 576 contaxiados e 19 aulas fechadas mentres que na viguesa as cifras son 452 e 25, respectivamente. Ademais, nesta hai tamén un centro fechado

388 casos de Covid-19 e 14 aulas fechadas son os dados de hoxe na área de Santiago, e na de Ferrol son 150 e 10.

Na área de Lugo hai 1 colexio fechado, 4 aulas clausuradas e 185 casos de coronavirus; na de Ourense esas cifras son de 267 casos deste virus, 11 aulas e 2 centros clausurados.

Por último, na de Pontevedra son 2 os centros fechados e 9 as aulas. O número de persoas con Covid, entre alumnos e docentes, é de 224.