Despréndese o tellado do conservatorio de Santiago e cae un muro do polideportivo do IES de Porto do Son, polo que fican sen aulas

O Conservatorio de Santiago de Compostela amenceu cun desprendemento do tellado (Foto: Arxina)
O temporal deixa varias incidencias na contorna dos centros educativos da Galiza.

A borrasca Kirk deixou até o momento na Galiza máis de 600 incidencias, nomeadamente inundacións, desprendementos, pólas e árbores caídas, mobiliario urbano desprazado, fallos no tendidos eléctrico con cortes de luz puntuais, avarías na rede de telefonía e tamén na rede ferroviaria.

As chuvias e os fortes refachos de vento, por riba dos 100 km/h, tamén causaron estragos nas inmediacións dalgúns centros escolares. É o caso do IES de Porto do Son (comarca de Noia), onde o temporal provocou esta terza feira a caída dun muro do polideportivo, o que obrigou a suspender as aulas esta cuarta.

Outras comunidades educativas atoparon o paso cortado ao seu centro de ensino de referencia, como aconteceu en Valga (Caldas) onde docentes, escolares e as súas familias bateron a primeira hora cunha árbore caída que atrancaba a entrada do CEIP de Baño-Xanza.

Tamén en Compostela voou parte do tellado do Conservatorio de Santiago de Compostela (CMUS), unha institución pública de ensino musical de grao elemental e profesional, dependente da Consellería de Educación que tras rexistrar esta incidencia colgou na súa web un "aviso urxente" para informar da suspensión das clases este 9 de outubro.

Circular de Educación

A alerta laranxa en terra decretada até as 15.00 determinou a suspensión de actividades no exterior durante este 9 de outubro en todos os centros educativos da Galiza, mais non a cancelación das aulas.

"Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado, os directores poderán adoptar as decisións oportunas respecto das actividades no exterior do centro educativo ou sobre as actividades extraescolares", informaron os equipos directivos a familias e alumnado a través do programa Abalar.

"Adicionalmente extremaranse as condicións de circulación do transporte con seguimento das condicións climáticas", engadía o aviso. Desta forma, Educación delegou a decisión última de abrir as aulas ou non nos equipos directivos dos centros de ensino.