As augas residuais de Ons, vertidas ao mar sen control

Imaxe da vertedura de augas residuais en Ons. (Foto: Nós Diario)
Podería tratarse dunha infracción "moi grave" do propio Parque Nacional, que ten a xestión e control da depuradora.

Unha vez máis a depuradora de augas da Illa de Ons, un espazo integrado no Parque Nacional das Illas Atlánticas e pertencente ao concello de Bueu, non foi quen de soportar a confluencia de máis visitas e a suposta falta de mantemento e adaptación á nova realidade e botou auga fóra. Malia que se cumpriu coa capacidade estipulada polas autoridades no que ao público se refire, o certo é que a infraestrutura está preparada pensando unicamente nos habitantes e a falta de claridade sobre as competencias -se as asume o Estado ou o Concello, se ben este último asevera que neste caso particular é o propio Parque o que se encarga da xestión e control malia que noutros casos a competencia sobre saneamento é municipal- non axuda a asumir un traballo de mellora real. 

A depuradora de lodos ten capacidade para tratar augas residuais dunhas 250 persoas pero a pasada fin de semana tería asumido o reto de limpar a auga utilizada por arredor de 2.000 individuos.

O sábado e o domingo o poder de atracción viuse incrementado pola celebración das festas patronais de San Xaquín e Santa Ana, mais a continua caída do Parque Nacional nunha infracción que el mesmo tipifica como "moi grave" explícase pola suma deses outros factores tales como o coidado, que algunhas fontes consultadas por este xornal consideran insuficiente. Ante a falta dunha actuación decidida (aínda que si houbo un técnico na illa), a instalación de Curro non foi quen de soportar toda a actividade desta fin de semana. 

Desbordou durante unhas cinco horas provocando un regueiro de augas residuais sen tratar que ían caer ao mar sen que se puidera abordar ningunha acción inmediata para impedilo e, polo que se sabe, sen sancións.

Un asunto que mesmo chegou a Europa

Malia o molesto e preocupante deste episodio, cómpre aclarar que non é a primeira vez que a depuradora da illa resulta insuficiente para evitar verteduras indesexadas en alta mar.

Sen ir máis aló no tempo, ex europarlamentaria galega Lidia Senra levou o asunto á Comisión Europea no ano 2017. Na súa solicitude de información e actuación, recoñecía que en 2014 tivo lugar unha mellora da infraestrutura con cargo, nun 80%, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural.

Despois desa actuación os habitantes seguían a insistir nas verteduras e o problema vai camiño dos 15 anos sen solución. Europa entendeu que non quedaba probado o dano aos hábitats mariños.