A Xunta revoga a autorización de verteduras na mina de San Finx

Vertidos procedentes da mina de San Finx (Foto: Confraría de Noia).
Após meses de mobilizacións e protestas sociais.

A Xunta da Galiza, a través de Augas de Galiza, iniciou o procedemento de revogación de autorización á empresa Tungsten --que opera na mina de San Finx, en Lousame (comarca de Noia)-- para a execución dunha depuradora para o tratamento das augas residuais industriais, ao detectar o incumprimento dos requisitos establecidos.

Segundo informan fontes da Xunta, xa lle comunicou esta decisión á empresa e estabeleceu un prazo de 10 días para que poida presentar as alegacións que estime oportunas con relación a este procedemento.

A Xunta sinala ademais que realizou unha nova inspección ás instalacións da mina e confirmou que "seguían sen cumprirse as condicións establecidas na autorización outorgada", o que supón "unha desatención dos requisitos realizados desde Augas de Galiza".

"Seguindo o procedemento correspondente, a Xunta comezou o trámite para a revogación desta autorización de vertedura que fora concedida á citada empresa no pasado mes de febreiro", explican as fontes consultadas.

Esta autorización de Augas incluía 18 condicionantes que debía cumprir o titular da explotación cao fin de garantir a correcta xestión da vertedura e as medidas para unha depuración adecuada, na súa obrigación de cumprimento dos obxectivos de calidade do medio receptor e cos dereitos de terceiros.

Precisamente esta segunda feira, mariscadoras e ecoloxistas entraron nas instalacións da mina de San Finx para denunciar a través desta "ocupación" a situación de "impunidade" da que, din, benefíciase polo "deixamento" da Xunta ante a compañía Tungsten San Finx e as súas "continuadas" verteduras de metais pesados.