Augas da Galiza tomba a central hidroeléctrica prevista no Valadouro

O Cadramón desde a estrada de Abadín a Ferreira do Valadouro (Foto: Nós Diario).
'Nós Diario' xa informara a comezos de febreiro de que o proxecto incumpriría a lexislación vixente.

Augas da Galiza vén de realizar un informe vinculante sobre o proxecto da central hidroeléctrica reversíbel no Valadouro, promovida polo grupo aragonés Atalaya Generación, que prevé erguer dous grandes encoros cunha potencia instalada de 936 megawatts (MW), converténdose así no complexo hidráulico máis grande da Galiza.

Agora Augas da Galiza, con este novo documento, fecha definitivamente a porta a este proxecto argumentando diferentes "afeccións" ás concas dos ríos que serían "incompatíbeis" co Plan Hidrolóxico 2021-2027.

Aliás, a construción de dúas balsas "suporían novos lementos qeu comprometen a continuidade fluvial destes cursos de auga, polo que as actuacións propostas non resultarían compatíbeis cos obxectivos de planificación hidrolóxica e coas disposicións normativas aprobadas en concordancia cos mesmos".

Rexeitamento no Concello

O alcalde do Valadouro, o socialista Edmundo Maseda, ficou só na cuarta feira, no pleno da corporación municipal, na votación do anteproxecto para a posíbel construción dunha central hidroeléctrica reversíbel no Xistral.

Todos os grupos con representación, agás o PSOE, negáronse a apoiar o anteproxecto de construción da central baseándose en diferentes posturas, aínda que toda a oposición coincidiu na falta de transparencia e claridade do plan. Maseda voltou a tratar o tema nun pleno extraordinario e insistiu en que o Concello se pronunciará "cando o proxecto sexa definitivo".

Por outra parte, a Plataforma de Veciñas e Veciños Afectados pola Macrocentral Hidroeléctrica Xistral declaraba sentirse "abandonada" pola Administración local, que non atendeu, ao seu ver, os prexuízos medioambientais do proxecto. Tamén criticara a "falta de transparencia" e convocara para a tarde de onte unha asemblea informativa.

'Nós Diario' xa o adiantara

Cómpre lembrar que o pasado 12 de febreiro Nós Diario recollía nas súas páxinas os motivos polos que este proxecto incumpriría a lexislación vixente.