Augas da Galiza abre un expediente á empresa da mina de San Finx por incumprimento nas verteduras

Estado en que se encontra o lugar das verteduras de San Finx (Foto: Plataforma contra a mina de San Finx).
As analíticas desvelan niveis de cadmio 78 veces máis altos do permitido

Augas da Galiza abriu un expediente á empresa da mina de San Finx, situada en Lousame (comarca de Noita) polo incumprimento dos parámetros de vertedura. Precisamente, esta quinta feira, 31 de agosto, a plataforma en defensa da ría de Muros e Noia e en contra da vertedura revelou que as análises deste organismo público apuntaron que se superaban en 78 veces os parámetros legais en cadmio.

Nun comunicado remitido pola Xunta da Galiza (posterior a que a plataforma desvelara estas cifras), Augas da Galiza sinala que nas últimas analíticas realizadas detectáronse valores superiores aos permitidos en cadmio, cobre e zinc, polo que, en consecuencia, e como estabelece a normativa, iniciouse o correspondente expediente sancionador.

A Xunta explica que "para garantir que o que se verte ao dominio público hidráulico" axústase ao estabelecido na normativa, é preciso que a empresa execute unha planta depuradora que trate adecuadamente esas augas. Neste sentido, defende a autorización da execución dese proxecto, que se criticou por parte da plataforma polas verteduras denunciadas.

"Queda pois novamente acreditado que Augas da Galiza está a actuar con total transparencia e cumprindo estritamente a normativa no caso da mina de San Finx", defendeu o organismo público.

A Consellaría de Infraestruturas, da que depende este organismo, defende que este expediente iniciouse "no marco do labor de inspección, control e seguimento" que Augas realiza no contexto da autorización concedida para a construción da planta de tratamento das augas residuais.