As augas da comarca da Limia, "altamente contaminadas" por nitratos

Cor da auga altamente contaminada por nitratos, nas Conchas. (Foto: Ecoloxistas en Acción)
Ecoloxistas en Acción denuncian a situación das augas da comarca da Limia e esixen á Xunta da Galiza que a declare Zona Vulnerábel aos Nitratos.

Ecoloxistas en Acción demanda á Xunta da Galiza que declare a comarca da Limia como Zona Vulnerábel aos Nitratos (ZNV) e estabeleza unha moratoria á concesión de autorizacións gandeiras intensivas. A organización insta o Goberno galego a que non conceda máis autorizacións para novas macrogranxas nin ampliacións das existentes debido a que na chaira limiá “hai un aumento significativo dos niveis de nutrientes –especialmente fósforo– e da asfixia dos ecosistemas acuáticos”, aseguran. 

Segundo os datos recollidos polas estacións da rede Integrada de Calidade das Augas e do Sistema Automático de Información de Calidade das Augas, a química na chaira limiá “non é aceptábel de acordo coas directrices marcadas en distintas normativas europeas”, sinalan desde a organización.

Os resultados oficiais da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil sobre os niveis de nitratos disoltos nas augas subterráneas indican que, nalgúns puntos da mostraxe, alcanzouse unha concentración “escandalosa de nitratos, 174 mg/l, tres veces e media por enriba do límite legal para augas potábeis”, denuncian.

Xa no ano 2015 a Comisión Europea abriu unha investigación contra o Estado español polo incumprimento das súas obrigas na protección das augas contra a contaminación producida por nitratos utilizados na agricultura, destacando o descenso dos puntos de control de augas e detectando puntos de control de augas superficiais en estado trófico, é dicir, que a auga é eutrófica ou hipertrófica.

Este estado resulta preocupante xa que a eutrofización supón que ante un anómalo aumento de nutrientes se produza unha proliferación descontrolada da salgas que deriva na creación de cianobacterias, creando unha capa na superficie da auga que impide o paso da luz solar e da fotosíntese por debaixo delas, coa conseguinte asfixia dos ecosistemas acuáticos.

Ademais, esta bacteria provoca graves afeccións tanto nos seres humanos como nos animais.

Por iso Ecoloxistas en Acción denuncia que, “a pesar das distintas mostraxes e analíticas evidenciadas por varias fontes, incluíndo o CISC, o Goberno galego non ten designada a comarca da Limia como ZVN e, máis grave se cabe, na parte ourensá da conca do río Limia, hai un Parque Natural, dúas Zonas de Especial Protección, a Reserva Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés e dous Lugares Propostos de Importancia Comunitaria competencia da Xunta da Galiza”.