Auga Limpa Xa reactívase contra a contaminación dos acuíferos e encoros da Limia
A plataforma reclama un estudo epidemiolóxico rigoroso e que as consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural activen medidas para reducir a contaminación por nitratos, bacterias e pesticidas.
A plataforma veciñal Auga Limpa Xa retoma a súa actividade na Limia e comarcas lindeiras en apoio á demanda presentada pola veciñanza das Conchas (Lobeira) contra a Xunta da Galiza, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e os concellos de Bande, Muíños, Lobeira, Trasmiras e Os Blancos por "permitir durante décadas" a contaminación do encoro das Conchas.
Auga Limpa Xa –que en xaneiro do 2019 deu forma a todo un movemento social na comarca ante a preocupación pola perda de calidade das augas superficiais, acuíferos e encoros–, advirte que as augas da Limia están contaminadas, tal e como constatan os datos oficiais e demostran os estudos científicos que acompañan á demanda.
"As augas contaminadas constitúen un risco para a saúde humana, mais as Administracións levan décadas mirando para outro lado, agochando os datos, mentres a poboación toda da Limia estivo e está exposta aos efectos desta contaminación sobre a saúde", denuncian.
Informe de causas, riscos e medidas de control
Despois de anos de traballo, alertando ás autoridades, realizando medicións e informando á veciñanza, denunciando a contaminación e documentando a súa orixe, o movemento social do que naceu a plataforma conseguiu que as Administracións se sentasen na Mesa da Limia e se propuxesen elaborar o denominado Plan Estratéxico da Limia, co fin, expresado por todos os actores convocados, de corrixir o problema da contaminación. "Mais nada se fixo. Todos os anuncios e promesas foron incumpridas".
Desde a plataforma aseguran que "a contaminación foi a peor", polo que ademais de mostrar o seu apoio á veciñanza das Conchas, reclaman iniciativa por parte das administracións para aclarar as causas degradación das augas da Limia, o tipo de contaminación que están a padecer e a cantidade de masas augas afectadas, o "que levará a cargos públicos autonómicos e locais a ter que responder por que non fixeron nada durante todos estes anos de alertas continuadas".
Ademais, Auga Limpa Xa demanda un estudo epidemiolóxico que permita coñecer a dimensión real do risco para a poboación, unha acción, di, "que debeu emprender hai anos, xa alertada, a Consellería de Sanidade", así como unha actuación inmediata sobre as fontes da contaminación, por parte das consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural, mediante a activación de medidas destinadas a reducir a contaminación.