Xustiza

Ratificado o arquivo da causa aberta pola desaparición dunha galega a bordo dun buque do CSIC

Buque oceanográfico 'García del Cid', do CSIC.
A familia de María del Carmen Fernández entende que as dilixencias practicadas foron "insuficientes" para coñecer os feitos. Esta resolución, porén, é firme e non dá pé a un novo recurso.

A Audiencia Provincial de Valencia vén de confirmar o auto do Xulgado de Instrución número 3 de Gandía que decretaba o arquivo e sobresemento provisional da causa aberta pola desaparición en setembro pasado de María del Carmen Fernández, natural de Cangas (O Morrazo), cando se atopaba a bordo do buque oceanográfico García del Cid, onde traballaba como persoal adscrito ao servizo de cociña.

Na súa resolución, o tribunal provincial desestimou o recurso interposto pola familia da desaparecida contra a resolución do pasado mes de febreiro do xulgado de Gandía e confirmou o arquivo da causa. Tal como recolle o documento, a resolución é firme e contra a mesma non cabe recurso ningún.

Con todo, os familiares de María del Carmen Fernández criticaron esta decisión, asegurando que o caso fechou "sen que se practicase ningunha dilixencia xudicial, en base unicamente ao atestado e as probas remitidas pola Garda Civil, e que consisten na inspección do buque e toma de declaración ao capitán do mesmo, tres compañeiros de traballo e o marido da desaparecida".

En concreto, o portavoz da familia, o avogado Diego Leis, indicou que os seus achegados entenden que as dilixencias practicadas foron "insuficientes" para coñecer os feitos ocorridos no barco no momento da desaparición. Por iso, adiantou, están a estudar a interposición de novas demandas a fin de coñecer o ocorrido e de depurar posíbeis responsabilidades.

Feitos

A desaparición de Carmen Fernández foi notificada, pola propia tripulación do barco, a Salvamento Marítimo, o 10 de setembro de 2023, cando os seus compañeiros a botaron en falta. Aínda que se iniciou un dispositivo de procura, non se localizou o seu corpo.

Dáse a circunstancia de que Carmen denunciara no pasado por acoso un compañeiro de tripulación —caso arquivado en 2019—, e mesmo solicitara o seu traslado a outro barco para non coincidir con esa persoa. Antes de partir para a viaxe na que desapareceu, Carmen coincidiu con ese compañeiro en porto, pero o home non chegou a embarcar por motivos de saúde.