A Audiencia Provincial revisará a causa por acoso sexual aberta contra Baltar

José Luís Baltar

A muller que acusou en 2015 o actual presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, por acoso sexual formalizou o recurso de apelación ante a Audiencia Provincial a pasada semana. Da mesma maneira fíxoo Democracia Ourensana (DO), que exerce de acusación popular, mais limitándose ao delitos de tráfico de influencias e suborno. 

A apelación débese a que as probas entregadas pola denunciante non foron tidas en conta e non se lles atribúe a natureza delitiva. Acontece por non concorrer nunha relación laboral ou de dependencia económica entre o autor e a vítima que denuncia. 

 

Mais a muller centra o recurso en demostrar que Baltar se prevaleu da súa condición como presidente da Deputación para a acosar sexualmente. A apelación toma como base as gravacións que a denunciante entregou e as mensaxes de texto vía teléfono móbil que o acusado e a demandante se enviaron no tempo. 

 

De comezo á “fin”

 

A data de entrada na Fiscalía do escrito de denuncia é a do 13 e outubro de 2015. No documento, a muller relata os seus anos traballando na Deputación Provincial de Ourense, que abarcou un periplo de seis anos, dende 2003 até o 2009. Alí foi onde coñeceu o anterior presidente da Deputación, José Luis Baltar, e o seu fillo e actual presidente da institución, José Manuel Baltar. 

 

Asemade, a muller tamén axudaba o Partido Popular nos diferentes Congresos, actos e eleccións que se sucedían no tempo. Continuou mantendo ese voluntarismo e axuda coa promesa dunha praza fixa na Deputación e mesmo presentándose a varias oposicións para a institución só “para facer vulto” posto que as prazas xa tiñan dono. Todo isto baixo a promesa dunha praza fixa. 

 

Mais  o que a denunciante considera dunha gran relevancia é que o actual presidente da institución lle ofreceu unha praza fixa a cambio de manter relacións sexuais con el. Ante a situación económica da muller, esta tería accedido, pero nunca chegou a ver a súa praza fixa aínda que el propuxo repetir os encontros e ela se negou até que cumprira coa súa promesa.

 

Así, a denunciante aportou probas desta primeira cita como o lugar de encontro, un dos cuartos do Hotel Francisco II no pleno centro de Ourense, ben coma mensaxes de texto como “cuando te apetezca más champán, avisa” ou “tengo muchísimas ganas de estar contigo”. Ademais, tamén presentou seis probas sonoras que posuía de conversacións co dirixente popular ao longo dos anos. Como exemplo delas presentou un diálogo en que Baltar dicía: “Después de echar a todos estos vamos a hacer una historia de servicios sociales. Te voy a solucionar el problema y ya está”.

 

Coa chegada do 2016, o respaldo do Partido Popular de Galiza ao líder provincial ourensán fíxose patente en declaracións de Alfonso Rueda. Comezou tamén neste ano o xuízo protagonizado pola xuíza de Instrución número 3, Eva Armesto.

 

Xa na sede xudicial, en marzo de 2016, e con dúas horas de retraso daban comezo as declaracións do acusado. O atraso débese a que o avogado da defensa plantexou varias cuestións previas nas que solicitaba a nulidade das actuacións, así como que Democracia Ourensana se apartase dos xuízos e o aprazamento do mesmo que a xuíz tivo que resolver. Neste senso, o político ourensán declarou durante unha hora en que respostou a preguntas feitas pola Fiscalía e as do seus propio avogado, mais non ás formuladas pola acusación popular e ás do avogado da denunciante.

 

Previamente, tamén declarou a muller que ao mesmo tempo estaba cumprindo a dobre función de: investigada e testemuña. Respondeu así a todas as preguntas exceptuando ás preguntas do avogado da defensa, as do avogado de Baltar.

 

En novembro do mesmo ano, a instrutora do caso desestimou o recurso presentado pola defensa encabezada polo seu avogado, Juán Ramón Montero, en que se alegaba a prescrición do delito de acoso sexual posto que fora denunciado inicialmente por unha muller que agora tamén está sendo investigada por suborno e afirmou ter mantido relacións sexuais co acusado a cambio de emprego fixo na institución que este preside.

 

A xuíza, asemade, tamén afirmou que o prazo de prescrición do delito de acoso sexual é de cinco anos e apunta que o “Código Penal contempla penas de prisión de tres a cinco meses para quen solicite favores sexuais para un mesmo ou un terceiro no ámbito laboral”. Ademais, solicitou á Xunta Electoral documentos que confirmaran que a muller participaran como apoderada do Partido Popular en comicios coma os de 2012 e citou a cinco militantes do partido para que declaren sobre o caso.

 

A acusación sobre o caso de acoso sexual mantén que os feitos se desenvolveron entre 2010 e 2012. Asemade, posteriormente reiniciáronse entre o 2014 e o 2015, que foi cando a muller decidiu denunciar o presidente da Deputación.