Xustiza

A Audiencia de Pontevedra condena a oito anos de cárcere un avó por agredir sexualmente a súa neta en Vigo

Xulgados de Vigo. (Foto: Europa Press)
O acusado, segundo recolle a sentenza, subiu á cama da menor, baixoulle o pantalón e comezou a facerlle tocamentos.

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, vén de condenar a oito anos de prisión un avó por agredir sexualmente a súa neta de 11 anos de idade. Os feitos ocorreron no domicilio familiar e por eles, o tribunal tamén inhabilitou o home para calquera profesión, oficio ou actividade, sexan ou non retribuídas, que supoña contacto regular e directo con menores, por un tempo superior en cinco anos ao da duración da pena de privación de liberdade.

Así mesmo, terá que pagar unha indemnización de 6.000 euros á vítima polo dano moral sufrido. A pesar de que inicialmente a Fiscalía solicitaba até 15 anos de prisión para o acusado, a Audiencia condenouno a oito anos de cárcere por un delito de agresión sexual.

Os feitos ocorreron en 2019, cando a menor estaba a piques de facer os 11 anos. O avó convivía de forma temporal na casa da súa filla, e coincidía eventualmente coa neta na mesma vivenda, xa que ela vivía entón co seu pai, que ten a custodia, e visitaba periodicamente a súa nai.

Foi na vivenda da nai onde tivo lugar a agresión sexual e onde o avó estaba a residir após separarse da súa parella. O acusado, segundo declarou, durmía no sofá e "nunca" ía á habitación da nena, salvo para coller algún dos seus aveños, que estaban nese dormitorio, ou para cambiarse, sempre en ausencia da menor.

Tal como explica a sentenza, en xullo de 2019, cando a menor xa estaba no seu dormitorio, deitada na cama para durmir, o seu avó entrou na estancia e díxolle se podía deitarse con ela, "non negándose a menor, pois pensaba que era para durmir".

"Unha vez que o procesado subiu á cama, e movido por un claro ánimo libidinoso, procedeu a botarse sobre a menor, comezando a tocala por todo o corpo, facéndoo por riba do pixama", recolle a sentenza. Mentres, a menor conseguiu zafarse del e refuxiouse no cuarto de baño.

Á súa saída, o agora condenado estaba esperándoa e, cando a vítima subiu á cama, ao pouco tempo el tamén, baixándolle o pantalón e comezando a tocala de novo, "pero sen que houbese penetración". Ao día seguinte, a nai da menor botou de casa o home por atopalo na cama da nena.