A Audiencia de Pontevedra condena a 13 anos de prisión un home que tentou matar a súa parella

Audiencia de Pontevedra (Foto: Renarpp).

É acusado dun delito de homicidio en grao de tentativa

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a 13 anos de cárcere un home que tentou matar a súa parella, á que agrediu e retivo, do mesmo xeito que á nai da vítima, con quen convivía. Ademais, impúxolle a prohibición de comunicarse e aproximarse á vítima durante 14 anos e, á nai desta, durante cinco anos.

O tribunal considerouno autor de dous delitos leves de lesións sobre a muller, dun delito de homicidio en grao de tentativa, que absorbe a un delito de ameazas non condicionais, en concurso medial cun delito de detención ilegal, concorrendo as circunstancias agravantes de xénero e de parentesco.

Ademais, respecto á nai da súa parella, valorouno como autor dun delito de detención ilegal, coa agravante de parentesco, e dun delito de lesións leves no ámbito da violencia doméstica.

O tribunal probou na sentenza que mantivo unha relación sentimental con convivencia coa vítima, desde finais de 2020 ou principios de 2021 até o 30 de maio de 2022. No domicilio tamén residía a nai da afectada, de 88 anos, diagnosticada de demencia.

"A relación sentimental transcorreu con normalidade até que, nun momento dado, cara ao final da relación, volveuse mala. Así, o procesado pasou dos insultos verbais á agresión" indicaron os maxistrados na sentenza.

Remarcaron que, nun deses episodios violentos, o acusado tentou matar a que era a súa parella, a quen lle puxo un coitelo ao pescozo, á vez que lle dicía "se te moves, mátote".

A Sala relatou que, a continuación, e para evitar que puidese marchar, colleu cinta illante que tiña no dormitorio e atou de pés e mans a vítima e, co mesmo fin, deu dúas pastillas á nai desta para que quedara durmida.

Durante todo ese tempo, engadiron os maxistrados, tendo a súa parella coas mans atadas e co coitelo ao pescozo, o acusado non deixaba de dicirlle que a quería matar e deulle un golpe co mango do coitelo na cabeza.

Na sentenza, relataron que, despois, o home quitou o cinto e colocoullo á vítima ao redor do pescozo e tentou apertalo, aínda que non o conseguiu porque non deixaba de gritar e, ademais, escorríase da cama na que a sentaba o acusado.

Finalmente, a vítima conseguiu saír correndo da vivenda, baixo o pretexto de ir ao baño e aproveitando que o condenado foi ver que ocorría na habitación da nai da súa parella, quen fixera un ruído. A muller pediu auxilio e refuxiouse nun bar próximo. O acusado foi tras ela, pero, ao non alcanzala, fuxiu polo garaxe.