A Audiencia de Pontevedra acolle o xuízo polo crime de Jessica Méndez en Barro

Sede da Audiencia de Pontevedra (Foto: Nós Diario).
A Fiscalía pide unha pena de 24 anos de prisión por un delito de asasinato con agravante por motivos de xénero.

A Audiencia de Pontevedra acolle desde esta segunda feira o xuízo contra J.C.E.I., acusado de matar co seu coche en marzo de 2022 a Jéssica Méndez en Barro (comarca de Pontevedra) e para o que Fiscalía pide unha pena de 24 anos de prisión por un delito de asasinato con agravante por motivos de xénero.

O xuízo arrancou coa constitución do xurado popular encargado de determinar se o procesado é culpábel de asasinar co seu vehículo a Méndez ao chocar contra o seu coche cando a vítima se dispoñía a incorporarse a unha estrada, motivado, segundo o Ministerio Público, polo "odio" que sentía cara a ela por non ser correspondido nos seus sentimentos afectivos.

Así o recolle o escrito de acusación de Fiscalía, que considera que os feitos ocorridos o 17 de marzo de 2022 son constitutivos dun delito de asasinato cualificado pola aleivosía co agravante de motivos de xénero, polo que solicita unha pena de 24 anos de cárcere.

Ao longo de toda a semana está previsto que pasen pola Audiencia de Pontevedra un total de 19 testemuñas, 11 axentes da Garda Civil, cinco profesionais da peritaxe e dous forenses para responder as preguntas das partes.

Feitos

Jéssica Méndez faleceu no hospital 24 horas despois de que ás 09.25 horas do 17 de marzo de 2022 un Seat Toledo que manexaba o acusado chocase contra o seu coche a unha velocidade de 80 quilómetros por hora.

O impacto, segundo recolle o escrito de acusación, produciuse no lateral esquerdo (é dicir, no lado da piloto) do Seat Ibiza da vítima, que se atopaba totalmente parada sobre a vía á espera de incorporarse á N-550.

Antes, continúa Fiscalía, o acusado recoñecera o coche de Jéssica Méndez e decatouse de que esta se atopaba ao volante, polo que manobrou para dirixirse cara a ela "co ánimo de acabar coa súa vida". Fíxoo "sen darlle ningunha posibilidade de reacción ou de defensa" movido "pola indignación ou odio" que lle xeraba o "silencio ou desprezo da vítima durante un tempo tan prolongado" cara ás “pretensións sentimentais ou afectivas que albergaba o investigado da finada".