A Audiencia de Ourense desestima os recursos de Baltar para frear a súa investigación

José Luís Baltar [Imaxe Deputación de Ourense]

Ordena continuar coa instrución por suposto delito de suborno, tráfico de influencias e acoso sexual. 

Nun auto emitido con data do 22 de abril o tribunal provincial desestima os recursos presentados pola defensa de José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, no marco da investigación que lle foi aberta por presuntos delitos de suborto, tráfico de influencias e acoso sexual contra unha veciña á que lle tería ofrecido, supostamente, un posto de traballo a cambio de manter relacións sexuais con el. 

A denunciante está investigada por un delito de suborno mentres que Baltar o está tamén por tráfico de influencias e acoso sexual

Neste senso, a sección número dous da Audiencia de Ourense entende que a instrución debe continuar adiante, após prestaren declaración xudicial a comezos do mes de marzo. 

De igual maneira mantén a imputación sobre a denunciante en calidade de investigada por un presunto delito de suborno desestimando o recurso presentado pola súa defensa que solicitaba a súa saída do caso como imputada. Así as cousas, a Audiencia confirma a imputación de Baltar --como solicitara a denunciante-- por presunto delito de acoso sexual como xa sinalara a xuíza de instrución.

O caso

José Manuel Baltar foi denunciado en en outubro de 2015 perante a Fiscalía por terlle ofrecido a unha veciña de Ourense un posto de traballo fixo na Deputación a cambio de sexo. Os acontecementos transcorreron en 2010 e foron feitos públicos através do xornal dixital eldiario.es 

En 2010 José Manuel Baltar teríalle ofrecido un posto de traballo fixo na Deputación a cambio de sexo

Na altura a Fiscalía arquivou o caso asegurando que a denunciante actuaba motivada por "desexos de vinganza" ao non ter conseguido o emprego embora ter mantido relacións sexuais co daquela fillo do presidente da Deputación nun relato dos feitos que partillaba coa dirección do Partido Popular quen acusou, através do seu líder, Alberto Núñez Feijóo, á denunciante de ter instigado o político para conseguir prevendas. 

Así as cousas, e após unha denuncia no propio xulgado, a xuíza de instrución nº3 de Ourense abriu o caso chamando a declarar as partes por un presunto delito de suborno --en ambos os dous casos-- e de tráfico de influencias e acoso sexual por parte de José Manuel Baltar.