A Audiencia obriga a reabrir a causa penal da mina de San Finx

Ángel Bernardo Tahoces foi director xeral de Minas entre 2009 e 2020 (Imaxe: Xunta).

A Confraría lembra que varios funcionarios e altos cargos están imputados por afirmar que as presas de residuos mineiros eran dunha central hidroeléctrica inexistente ou para un muíño de millo.

A Audiencia Provincial vén de estimar un recurso de apelación da Confraría de Noia contra a decisión dun xulgado de Santiago de arquivar as dilixencias penais contra o ex director xeral de Enerxía e Minas da Xunta, Bernardo Tahoces, e outros funcionarios do mesmo departamento.

Isto implica que se reabre a causa, indica a Confraría de Noia a través dun comunicado, e reafirma “as reclamacións do pósito e dos colectivos ecoloxistas que levan anos pedindo xustiza fronte ás ilegalidades da mina de San Finx, en Lousame”.

O procedemento xudicial céntrase en varios presuntos delitos de falsidade en documento público nos que os imputados mentiron sobre a natureza e antecedentes das presas de residuos mineiros de San Finx, así como da existencia de vertidos contaminantes, explican desde o Pósito ‘San Bartolomeu’

“Os imputados chegaron a afirmar no ano 2019 que os depósitos de residuos eran parte dunha central hidroeléctrica inexistente. Un ano despois, informaron que a maior das presas, que pecha un val fluvial cun muro de formigón de 50 metros de lonxitude e 14 metros de alto, era para un muíño de millo”, indícase no comunicado.

“Os mesmos funcionarios e altos cargos tamén emitiron informes negando que fose necesario someter a explotación mineira a unha avaliación de impacto ambiental, o que finalmente contradicía outra enxeñeira de minas da propia Xunta”.

A Confraría de Noia alerta de que estes feitos son de “extrema gravidade pois colocaron en risco a integridade dos bancos de marisqueo da ría ao dar continuidade a unha situación temeraria”.

Risco de colapso

A propia Augas da Galiza, prosegue o Pósito, alertou de que o colapso da maior das presas mineiras provocaría un grande impacto ambiental, que segundo a Confraría “xa estaría eliminado de non ser polas continuas mentiras de funcionarios e altos cargos da Xunta que tentaban eximir á empresa mineira das súas responsabilidades”.

“Iso a pesar de que as presas de residuos constaban nos Plans de Labores da mina, ata que no ano 2000 se deixaron de presentar, e no propio Inventario de Balsas de Residuos Mineiros elaborado pola Xunta en 1999”.

“O recente colapso das balsas de lodos que a mina de cuarzo metalúrxico de Erimsa ten no Concello de Frades é un claro aviso. Esta falla dunha pequena balsa obrigou a que o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias alertase aos concellos que utilizan augas do río Tambre, incluíndo os de Noia e Outes a máis de 80 km do punto de vertido, polos ricos sobre a súa  potabilidade.  “Imaxínense o desastre ambiental que provocaría o colapso da presa de San Finx, que está a tan só 6 km da ría de Noia”, remarca o Patrón Maior da Cofradía de Noia, Santiago Cruz”.