Audiencia Nacional xustifica manter suspensión de Causa Galiza apelando á “protección de futuras vítimas”

O auto do xuíz Eloy Velasco acorda suspender as actividades da organización independentista por un ano, prorrogábel, e mantén as imputacións contra as 9 persoas detidas na 'Operación Jaro'.

A Audiencia Nacional mantén a suspensión de actividades de Causa Galiza, xustificando o xuíz Eloy Velasco a decisión en argumentos como, di textualmente no auto, “a protección de futuras vítimas” ou “conxurar a defensa social na evitación da continuidade delictiva”. Velasco adopta a medida após a comparecencia nesta segunda feira do Ministerio fiscal e defensa da organización independentista, comparecencia obrigada após a sala do penal anular a suspensión de CG decretada en novembro polo xuíz por vulnerar dereitos no procedemento.

Así pois, Causa Galiza volve estar “ilegalizada de facto”, como sinalan desde o independentismo. Se a primeira decisión foi suspender a súa actividade por dous anos, un período que no auto do 8 de febreiro se reduce a un ano mais que é “prorrogábel”.

No auto faise un percorrido pola actividade política e social de cada un dos 9 independentistas encausados. Datos obtidos, incide o xuíz, "da investigación e das vixiancias policiais"

Nos razonamentos xurídicos expostos no auto de Velasco (ao que tivo acceso Sermos Galiza) afirma que Causa Galiza “diundiu” mensaxes contra a Coroa e o Estado español. O xuíz afirma que en base “ás investigacións e vixiancias policiais” identificouse os que cualifica de “principais responsábeis de Causa Galiza”, que son os 9 independentistas detidos na 'Operación Jaro'.

“Mantemos os nosos principios”

A través dun comunicado, os independentistas encausados pola Audiencia Nacional reiteran que esta organización “atuou sempre com métodos legais ao serviço do Povo Galego e da causa independentista” e consideran as acusacións da Audiencia Nacional “ um disparate judicial e político destinado, exclusivamente, a impedir que trabalhemos politicamente”. No comunicado, de tres puntos, tamén afirman que con esta decisión “acaba-se de produzir um salto qualitativo na repressom ao instituir de facto o delito de opinar, organizar-nos e trabalhar politicamente em favor do projeto político independentista”. Sinalan que manterán os principios “patrióticos e socialistas” fronte a unha “Espanha” que non ten “nada que oferecer” ao pobo galego. Recorrerán a decisión, tal e como xa anunciaran na segunda feira, após a comparecencia na AN.