A Audiencia Nacional condena por "inxustificados" os cacheos con nú integral a Carlos C. Varela

Nunha auto ditado pola Sección Primeira da Sala do Penal coida "arbitrarias" as prácticas "polo seu carácter sistemático".

 

A defensa do preso independentista, Carlos C. Varela, comunicou esta terza feira (11 de novembro) o contido dunha sentenza pronunciada pola Audiencia Nacional na que se consideran 17 cacheos aos que foi sometido o preso durante os dous últimos anos. O tribunal advírtelle a Institucións Penitenciarias que estas prácticas, desenvolvidas con "carácter sistemático" contra Calvo Varela, carecen de "xustificación" e son "arbitrarias". 

Os feitos foron denunciados polo preso independentista en sucesivas ocasións para o que se achegaron 17 ordes subscritas polo "funcionario intervinte" da prisión de Topas, sinalan nun comunicado. Os cacheos producíronse entre o 16 de decembro do 2012 e o 1 de febreiro de 2014.

Carlos C. Varela foi cachado de maneira sistemática até en 17 ocasións sen xustificación algunha, segundo recolle o auto da Audiencia Nacional 

Nas ordes "recollíase como motivo da adopción do cacheo integral a Carlos a sospeita de que posuíse substancias ou obxectos prohibidos", explica o seu letrado, Benet Salellas. Porén, estas consideracións facíanse "sen máis concreción e sen nunca detectarlle nada perigoso nen estrano". Noutras ocasións, acrecentan, argüíase "simplemente unha orde da dirección" até o punto de ser sometido até en 17 ocasións a espidos integrais por parte do persoal de prisión. 

Após presentaren unha queixa perante o Xulgado Central de Vixiancia Penitenciaria --que foi desestimada-- a defensa de Carlos Varela presentou un recurso que, finalmente, a Audiencia Nacional española resolveu dando a razón ao preso independentista

No auto, o tribunal reprende a decisión de Institucións Penitenciarias e considera ilegais os cacheos ao tempo que, sinala, "non hai motivación" para proceder a eles. "Dicir que o control sobre o corpo do interno con espido íntegro se xustifica na sospeita de posuír substancias ou obxectos prohibidos en materia de dereito fundamental é equivalente a non dicir nada", recolle a sentenza emitida polo tribunal. 

Neste senso, o xuíz Ramón Sáez, relator do auto xunto c@s maxistrad@s Fernando Grande Marlaska e Manuela Fernández Prado, pregúntase "que substancias podería ocultar?" o preso ou "en que obxecto se pensaba?" para xustificar os cacheos. Así, arquiva e anula todas as actuacións e declara infractora a Institucións Penitenciarias. 

Carlos C. Varela atópase desde setembro de 2011 preso en réxime de illamento condenado por "pertenza a organización terrorista" e "tenza de explosivos". A condena aínda non é firme pois foi recorrida perante o Tribunal Supremo, aliás, conta cun voto particular no xuízo inicial no que un dos maxistrados demandou a súa absolución.