A Audiencia Nacional ve indicios de 21 delitos de homicidio por imprudencia no 'Vila de Pitanxo'

Imaxe de arquivo do 'Villa de Pitanxo' (Foto: Nós Diario).
O xuíz sinala unha imprudencia grave e remite a investigación a Marín

O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno acordou remitir a Marín a investigación sobre o naufraxio do buque 'Vila de Pintaxo', na que, explica o auto, ve indicios que permitirían imputar "polo menos 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e contra os dereitos dos traballadores".

Esta decisión prodúcese despois de que a Fiscalía considerase que a competencia pertencía ao xulgado territorial, porque é a localidade onde radica o porto base do navío.

Nun auto emitido a pasada segunda feira, o titular do Xulgado Central de Instrución Número 2 alíñase coa posición do Ministerio Fiscal e lembra que a doutrina do Tribunal Supremo e os tratados internacionais recoñecen a soberanía ao Estado de orixe do buque para evitar lagoas competenciais en alta mar.

Así, o maxistrado sinala que o ocorrido no naufraxio do buque o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros ao leste de Terranova (Canadá) son feitos cometidos dentro do territorio español, polo que a investigación deste incidente, no que morreron 21 persoas, queda fóra das competencias da Audiencia Nacional.

"Nas presentes dilixencias ha de acudirse, de conformidade co informe do Ministerio Fiscal, ao atoparnos ante supostos delitos cometidos nun buque español afundido en augas internacionais, ao artigo 15 da Lei de enxuizamento criminal, correspondendo a competencia ao xulgado de instrución de Marín", recalca o xuíz.

Homicidio por imprudencia grave

O auto explica que a causa se incoou por unha denuncia presentada pola Dirección Xeral da Garda Civil de Pontevedra após tomar declaración ao tres sobreviventes. Un deles, sinala, efectuou unha declaración distinta á que prestou anteriormente sobre a forma en que se produciu o afundimento do pesqueiro e como foron falecendo por hipotermia cada un dos tripulantes.

Dunha análise breve dos feitos, e "sen prexuízo do que resulte" tras a instrución que corresponde ao xulgado de Marín, o xuíz induce ademais que "se concitan elementos indiciarios" que permitirían imputar "polo menos 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e contra os dereitos dos traballadores".

O pasado 7 de marzo o maxistrado da Audiencia Nacional deu traslado ao Ministerio Público para que informase sobre se debía iniciar ou non as pescudas dirixidas a determinar se houbo unha responsabilidade penal no naufraxio. A Fiscalía informou hai unhas semanas en contra de que asumise a investigación, instando a remitila a Marín.

O barco, sancionado

O 'Vila de Pitanxo' acumulaba varias sancións por infraccións graves de pesca ilegal, entre elas, capturas de fletán negro sen declarar. Así consta nunha serie de sentenzas da Audiencia Nacional, a última delas con data do 17 de xullo de 2020.

O Ministerio de Pesca sancionou en 2016 ao patrón do 'Vila de Pitanxo' por seis infraccións graves da Lei de Pesca Marítima. As multas sumaban máis de 160.000 euros por cuestións como eliminación ou ocultación de probas en controis de inspección, falta de envío de posicións do buque, non contar coas autorizacións de pesca e diferentes incumprimentos relativos a capturas a bordo e desprazamentos. Ademais, comisáronselle 27.778 quilos de fletán negro, que estaban ocultas e non rexistradas no diario.

As infraccións tamén se referían ao armador, Pesqueiras Nores, ao que se lle impuxo perda de puntos cos que contan os propietarios de barcos no regulamento de control europeo da pesca debido a cuestións como a eliminación de probas nas tarefas de control, así como pola alteración de datos de capturas.