Xustiza

Telegram, coas horas contadas tras o ultimato do xuíz Pedraz: por que a Audiencia Nacional ordenou bloqueala?

Aplicación móbil Telegram. (Foto: Europa Press)
"É como se fechasen internet porque hai webs que aloxan ilegamente contidos protexidos", censura Facua, que ve "desproporcionada" a medida. O xuíz Pedraz dá un prazo de tres horas para cesar a actividade.

O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz ordenou a última hora desta sexta feira suspender, de forma cautelar, a aplicación de mensaxería instantánea Telegram por mor dunha denuncia presentada por Mediaset, Atresmedia e Movistar Plus, que alertaban dun presunto uso non autorizado de contido audiovisual sometido a dereitos de autor. E na tarde deste sábado Pedraz deu un ultimato á compañía de tres horas desde que reciban a comunicación para cesar a súa actividade no Estado español.

Segundo informou Cuatro e confirmaron posteriormente fontes xurídicas, o titular do Xulgado Central de Instrución Número 5 adoptou esta decisión no marco dunha petición de medida cautelar que reclamaron as compañías audiovisuais para que se paralizase a actividade da aplicación de mensaxería mentres decorre a investigación.

Pedraz considera esta medida como "necesaria, idónea e proporcional" para a que non existe alternativa que poida deter a reiteración dos feitos denunciados, tendo en conta que "as autoridades das Illas Virxes [onde radica a matriz da compañía de mensaxería] non colaboraron coa comisión rogatoria" enviada co fin de que Telegram informase de determinados datos técnicos que permitirían identificar os titulares das contas utilizadas para a infracción dos dereitos de propiedade intelectual.

O maxistrado instrutor optou por ordenar o bloqueo tendo en conta que requiriu información á aplicación e non recibiu resposta ningunha, segundo apuntaron as mesmas fontes consultadas. De momento, Telegram permanece operativa, aínda que está previsto que se produza nunhas horas o bloqueo ordenado pola Audiencia Nacional. Prevese que o bloqueo tarde uns días en facerse efectivo.

Esta non é a primeira vez que Telegram, que se gaba de non compartir "nin un só byte de información" cos gobernos dos países nos que opera, sofre un revés semellante, pois o pasado ano foi un tribunal do Brasil o que decretou o bloqueo temporal da aplicación tamén por negarse a entregar información sobre persoas usuarias. Unha decisión, porén, tombada en segunda instancia ao ser considerada "excesiva".

Facua: "É como se fechasen internet"

A organización de persoas consumidoras Facua advertiu dos "enormes prexuízos" que causará a decisión xudicial de bloquear temporalmente a aplicación de mensaxería para "os millóns de usuarios e para as empresas, organizacións e institucións publicas e privadas" que difunden contidos "de forma lícita a través das súas canles nesta plataforma".

Por iso, Facua considera "absolutamente desproporcionada" a decisión do xuíz da Audiencia Nacional. "É como se fechasen internet porque existen webs que aloxan ilegamente contidos protexidos por dereitos de autor, ou como se cortasen todo o sinal de televisión porque existen canles piratas", criticou nun comunicado o secretario xeral da organización, Rubén Sánchez.