A Audiencia Nacional considera probada a existencia de Resistencia Galega e condena a 10 e 18 anos de cadea @s 4 independentistas

Audiencia Nacional

A sala 3 da Audiencia Nacional española condena a penas de entre 10 e 18 anos de cadea @s catro independentistas xulgad@s o pasado mes de xuño. O tribunal considera probada a existencia dunha organización terrorista na Galiza. Os avogados coñeceron a sentenza polos medios de comunicación.

 

A xustiza española fixo pública aos medios de comunicación a sentenza condenatoria d@s 4 independentistas xulgad@s o pasado mes de xuño pola Audiencia Nacional española.

Segundo informan as axencias de noticias o tribunal español considera probada a existencia dunha organización terrorista na Galiza e condena a Antóm Santos, María Osório, Eduardo Vigo e Roberto R. Fialhega a penas de entre 10 e 18 anos de cadea por "participación en organización terrorista, falsificación de documento oficial e tenza de explosivos", segundo recolle a sentenza emitida polo xuíz Alfonso Guevara.

Os avogados da defensa tiveron constancia da sentenza e das condeas a través dos medios de comunicación.

En base a esta sentenza, Antom Santos e María Osorio son condenados a 10 anos de prisión cada un: "8 por participación en organización terrorista e 2 por falsificación en documento oficial con fins terroristas".

No que atinxe a Eduardo Vigo e Roberto FIalhega 'Teto', a pena que a Audiencia Nacional impón a cada un deles é de 18 anos, pois a participación "en organización terrorista" e "falsificación en documento oficial" engade a de "tenza de explosivos con fins terroristas".

Aliás, deberán abonar os custes procesais do xuízo por partes iguais.

Preocupación

Desde organizacións e colectivos anti-represivas alertouse nestes meses de que unha declaración da Audiencia Nacional nesta liña abriría as portas a unha dinámica de ilegalizacións.

Após facerse pública a sentenza, a defensa conta con cinco días a contar desde o seguinte da notificación para presentar un recurso de casación perante o Supremo.

Eduardo Vigo e Roberto Fialhega foron detidos en outubro de 2011, acusados pola Policía de preparar un atentado "inminente". Tres días despois, e en Lugo, a Policía detiña a Antom Santos e María Osorio.