Audiencia Nacional envía a prisión 6 dos detidos pola pelexa de Altsasu

Concentración en Altsasu contra as detencións. Argazki Press

Xulga os feitos como terrorismo. Veciñanza e EH Bildu falan de “montaxe policial”.

Seis das oito persoas detidas nestes días en relación á pelexa o pasado 15 de outubro nun bar de Altsasu entre varios mozos e dous garda vivís foron enviadas a prisión e sen fianza pola Audiencia Nacional. As outras dúas ficaron en liberdade mais coa obriga de comparecer periodicamente no xulgado. A AN entende que as seis persoas que enviou ao cárcere participaron de forma directa nos feitos, que considera dentro do “terrorismo”, o que pode implicar para este seis mozos penas de 10 a 15 anos de cadea.

Os detidos acudiran voluntariamente a declarar a un Xulgado de Iruña mais non puideron facelo por incomparecencia do xuíz. Nun operativo das forzas de seguridade españolas procedeuse á súa detención para levalos á Audiencia Nacional.

Veciñanza de Altasua volveu concentrarse na localidade máis unha vez para denunciar o que califican de “montaxe policial” ao aproveitar unha “pelexa de bar” para criminalizar, deter e reprimir os movementos sociais da localidade, nomeadamente os que traballan pola saída das forzas de seguridade españolas de Euskal Herria.

Neste sentido, insisten que aquel 15 de outubro, cando a Policía Foral chegou ao local onde se producira o que os medios españois tildaron posteriormente de “linchamento” viron os 2 axentes perto do bar e sen que ninguén os estivese a agredir. Tamén sinalan a declaración da moza dun dos axentes, que se referiu nunha declaración espontánea ao sucedido como unha simple pelexa de bar. O feito de que os mandos dos garda civís conminasen os 2 axentes e as súas compañeiras a non declarar perante a Policía Foral para facelo días despois ante o instituto armado eleva as sospeitas de “montaxe”.