Audiencia Nacional condena o independentista Raúl Agulheiro a 7 anos e 6 meses de prisión

raul agulheiro

Defensa, Fiscalía (que pedía 29 anos de cácere) e Avogacía do estado chegaron a un acordo. A sentenza non será recorrida. Medio cento de persoas desprazáronse a Madrid para se solidarizar co mariñán.

Audiencia Nacional condenou esta cuarta feira o independentista Raúl Agulheiro a 7 anos e 6 meses de prisión, unha setenza froito dun acordo atinxido entre a defensa, a Fiscalía e a Avogacía do Estado e que reduce sensibelmente a petición do ministerio público para o mariñán, 29 anos. Agulheiro leva en prisión preventiva desde principios de outubro de 2014, após ser detido en Compostela pola Garda Civil acusado de estoupar un explosivo na Casa do Concello de Baralla.

A sentenza é firme e non vai ser recorrida, ademais de ser aceptada polo acusado. A condena é, segundo explicaron a Sermos Galiza fontes presentes no xuízo, de 3 anos por integración en banda armada, 3 por depósito de explosivos e 1 e 6 meses por danos en atentado.

A explosión na Casa do Concello de Baralla causara danos materiais por valor de 200.000 euros. O alcalde desta localidade, Manuel González (PP), manifestara meses antes durante un pleno que "os que foron condenados a morte [no franquismo] será porque o merecían".

Até a Audiencia Nacional desprazáronse por volta de medio cento de persoas desde Galiza para se solidarizar co independentista. Unha trintena delas, entre familiares, amizades e solidari@s, entraron no tribunal español para seguir o xuízo. “Vimos o Raúl ben, sorrinte, con ánimo”, dixeron a SG persoas que seguiron a vista na AN.