A Audiencia mantén a prisión provisional para un dos investigados polo crime de Samuel Luiz

Unha persoa no espazo no que foi asasinato Samuel (Foto: M. Dylan / Europa Press).

Os maxistrados entenden que a medida é "necesaria e proporcionada" pola gravidade dos feitos e a pena de prisión á que se podería enfrontar, ademais de advertir risco de fuga e de alteración de probas.

A sección primeira da Audiencia da Coruña desestimou o recurso de apelación interposto por un dos investigados polo crime de Samuel Luiz contra o auto do xulgado instrutor que o 13 de agosto decretou o mantemento do seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza.

Na resolución, contra a que non cabe presentar recurso, os maxistrados explican que existen "indicios racionais da comisión dun feito delituoso" por parte do investigado, unha das tres persoas que permanecen en prisión provisional desde a súa detención após a malleira que acabou coa vida do mozo, na madrugada do 3 de xullo no paseo marítimo coruñés.

Risco de fuga e alteración de probas

Ademais, aprecian risco de fuga debido á petición de pena de cárcere á que podería enfrontarse e de alteración de probas, un perigo que, consideran, podería aumentar coa súa posta en liberdade.

O tribunal entende que a medida cautelar imposta ao apelante resulta "necesaria e proporcional" debido á "solidez" da base inculpatoria respecto da súa participación nos feitos. Así, destaca que se trata "dunha agresión brutal, executada por unha pluralidade de persoas e ao longo dun lapso relativamente prolongado de tempo".

Os xuíces, ademais, advirten que os feitos poderían chegar a ser cualificados como asasinato e, por tanto, "chegar a unha petición de pena de até 25 anos de prisión". Por iso, subliñan, é necesario "extremar as precaucións para garantir o enxuizamento futuro".

Cuestionan a súa colaboración

O tribunal asegura, ao contrario do que defende o investigado, que a súa comparecencia voluntaria ante a policía podería responder a unha estratexia procesual, máis que a unha intención de colaborar, xa que nese momento, argumentan, era consciente de que a súa identidade fora descuberta.

Ademais, incide en que se apreciaron "omisións e contradicións" nesa primeira declaración e en que non entregou aos axentes o teléfono móbil da vítima.

A Audiencia, por tanto, confirmou o contido do auto do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña que decretou o mantemento da prisión provisional do apelante, que xa solicitara noutra ocasión a súa posta en liberdade.